IA e coñecemento humano selan unha alianza estratéxica contra a desinformación no novo proxecto de investigación financiado pola Unión Europea (UE) e o UK Research an Innovation (UKRI)

Humanos e máquinas achegarán o mellor de si para pór coto a unha das maiores ameazas da democracia: noticias falsas, discursos de odio e desinformación atoparán un novo obstáculo no consorcio europeo ‘HYBRIDS’: unha iniciativa internacional financiada con 2,9 millóns de euros polo programa de investigación e innovación Marie Sklodowska-Curie Doctoral Networks do programa 'Horizonte Europa' da UE, e o fondo de garantía 'Horizonte Europa' do UKRI.

A propagación de rumores e noticias falsas, a incitación ao odio contra minorías vulnerables e o acoso a través das redes sociais téñense convertido nunha das principais ameazas para as democracias modernas.

Os parlamentos e gobernos das distintas nacións están a tomar conciencia da necesidade dunha estratexia global contra a desinformación, asumindo que a estabilidade das sociedades democráticas depende, tamén, de que a cidadanía teña acceso a información verificable, sendo así libre de construír as súas propias opinións a partir de datos obxectivos, cuxa veracidade poida ser demostrada.

Malia que nos últimos anos téñense producido avances significativos na detección automática da desinformación, este segue a ser un campo pouco estudado, xa que se trata dunha tarefa extremadamente complexa que require dun profundo coñecemento semántico, así como de distintos mecanismos de inferencia e razoamento baseados na linguaxe natural.

Neste contexto, a Unión Europea (UE) e o UKRI (UK Research and Innovation do Reino Unido) veñen de dar o seu apoio a un novo proxecto de investigación transnacional cuxo obxectivo científico será deseñar e desenvolver novas ferramentas automáticas para contrarrestar a ameaza da desinformación, baseadas no procesamento da linguaxe natural (PLN) e a Intelixencia Artificial (IA).

Ao longo da  iniciativa HYBRIDS (Intelixencia híbrida para monitorizar, promover e analizar transformacións nas boas prácticas democráticas), desenvolveranse diferentes técnicas de Deep Learning a partir dunhaanálise exhaustiva do discurso público sobre temas cruciais a nivel global, como a saúde, a crise climática, o escepticismo europeo ou a inmigración, que terá en conta tanto os medios de comunicación tradicionais como os contidos publicados a través das redes sociais.

Intelixencia 'híbrida'

Desde a súa concepción inicial, HYBRIDS asumiu a necesidade de contar cun equipo de investigación multidisciplinar, capaz de trasladar os coñecementos adquiridos nas ciencias humanas e sociais ás ferramentas tecnolóxicas baseadas nos algoritmos de Procesamento da Linguaxe Natural (PLN) e Deep Learning (DL). Pablo Gamallo, experto en lingüística computacional e máximo responsable do proxecto desde a institución líder en España (o CiTIUS - Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela, afirma que «o obxectivo final é xerar novos sistemas de interpretación neuro-simbólica, algo que coñecemos como intelixencia híbrida». O investigador resume a esencia do proxecto: «a idea de intelixencia híbrida consiste en combinar as altas capacidades computacionais dos recentes algoritmos neuronais con representacións simbólicas que modelan o coñecemento humano, achandando así o camiño para superar as carencias dos actuais métodos de intelixencia artificial», explica.

Con todo, e malia as súas vantaxes, tense publicado ata hoxe moi pouca investigación no campo dos sistemas híbridos, debido á dificultade de atopar persoal de alta cualificación nestas disciplinas, tradicionalmente tan afastadas como a enxeñaría informática, as ciencias sociais ou a lingüística. A posta en marcha de HYBRIDS (unha Rede Doutoral Marie Skłodowska-Curie financiada polo programa Horizonte Europa e o UKRI) contribuirá tamén á formación destes perfís en metodoloxías híbridas, que achegarán a súa experiencia neste e noutros estudos sociais cun alto impacto potencial na sustentabilidade das boas prácticas democráticas en Europa.

Academia e industria danse a man fronte á desinformación |

HYBRIDS é o resultado dun consorcio internacional liderado desde Santiago de Compostela (España) polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes  da USC (CiTIUS), e nel participan un total de 14 membros (8 beneficiarios - 6 socios) de 7 países europeos: Francia, Alemaña, Italia, Portugal, España, Países Baixos e Reino Unido. Entre as institucións figuran 6 universidades (Queen Mary University of London, Radboud Universiteit, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Université Caen Normandie and Universidade de Evora); 3 centros de investigación (Consello Superior de Investigacións Científicas, Fondazione Bruno Kessler, Leibniz-Institut für Sozialwissenschaften); 2 fundacións sen ánimo de lucro (Fondazione Openpolis ETS, Fundación Empresa Universidade Galega) e 3 empresas privadas (Factoria Software e Multimedia, Industrieanlagen Betriebsgesellschaft MBH e Newtral Media Audiovisual). Tralo comezo oficial do proxecto, que tivo lugar o 1 de xaneiro de 2023, as distintas institucións déronse cita esta mañá no encontro de lanzamento da iniciativa HYBRIDS, celebrada hoxe no CiTIUS (Santiago de Compostela).