Bolsas de verán CiTIUS 2022

Volven as bolsas de verán do CiTIUS! Se estás a estudar algún grao relacionado coa Intelixencia Artificial e as Tecnoloxías Intelixentes, isto interésache: ofrecemos 14 novas axudas para realizar a túa primeira estancia de investigación. Envía a túa candidatura ata o vindeiro mércores 25 de maio!

Por oitavo ano consecutivo, o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC) acode puntual á súa cita coa convocatoria anual das súas Bolsas de Verán, que en 2022 ofrece 14 axudas a estudantes de grao que desexen ter a súa primeira experiencia investigadora no campo das Tecnoloxías Intelixentes (TI). As Bolsas financiarán estas estancias durante o próximo mes de xullo, co obxectivo de que as que as persoas beneficiarias poidan desenvolver un proxecto de investigación no marco das liñas dos Programas Científicos do CITIUS.

O grupo de estudantes seleccionado terá, así, un primeiro contacto coa investigación en áreas como Big Data, Visión artificial, Robótica, Sensórica, Tecnoloxías da Linguaxe, Computación de Altas Prestacións, Intelixencia Artificial, Nanotecnoloxía ou e- Saúde. Ademais, durante o período de duración da bolsa, os/as estudantes poderán participar na actividade formativa desenvolvida no CiTIUS, que inclúe a asistencia a cursos, conferencias de persoal investigador de prestixio internacional ou presentacións das ferramentas informáticas máis actuais no campo das TI.

As axudas están dotadas con 750 € brutos máis unha axuda para alumnos/as non residentes en Santiago de Compostela destinada ao financiamento dos gastos de transporte, cun importe máximo de ata 300€ para estudantes de fóra de Galicia, e ata 80 € para estudantes residentes noutros concellos da Comunidade.

REQUISITOS

Os/as aspirantes deberán superar o 55% dos créditos dos seus estudos de grao en Informática, Telecomunicación, Matemáticas, Física ou disciplinas afíns, cunha nota media igual ou superior a 8,0.

SOLICITUDES

Os/as aspirantes deberán remitir a documentación requirida a través da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, usando o formulario de solicitude dispoñible nesta ligazón, que deberán dirixir ao Servizo de Convocatorias e Recursos Humanos de I+D ata o mércores 25 de maio ás 23:59 h (CEST). Xunto ao formulario de solicitude deberá anexarse a seguinte documentación.

  • Copia da certificación académica do grao ou título equivalente, no que consten as cualificacións obtidas, e con expresión da nota media en base 10. No suposto de realizar estudos no estranxeiro nun idioma diferente ao inglés, a certificación deberá presentarse coa tradución oficial ao español ou galego.

  • Copia do xustificante de matrícula correspondente ao curso 2021/2022, ou documento acreditativo expedido pola universidade correspondente.

  • Currículo vitae da persoa solicitante.

  • Carta de motivación, incluíndo a expresión do interese na obtención da bolsa.

AVALIACIÓN

A ordenación das solicitudes farase de acordo cos seguintes criterios, sobre unha puntuación máxima de 10 puntos:

  • Expediente académico da persoa solicitante (70% da valoración obtida).
  • Curriculum vitae presentado: nel teranse en conta as publicacións, premios, e a formación relacionada co obxecto das Bolsas, entre outros aspectos (20% da valoración obtida).
  • Expresión de interese das persoas aspirantes, formulada na carta de presentación (10% da valoración obtida).

Máis información nas bases reguladoras ou enviando un correo a citius.kmt@usc.es, indicando no asunto [CiTIUS Summer Fellowships 2022].

Financiado por