
Os premios ‘SERenidade’ 2024 recoñecen a excelencia do CiTIUS e avalan o seu labor como referente da IA
O xurado destaca o papel do centro como «referente internacional da Intelixencia artificial» e concédelle este prestixioso galardón, que na presente edición recoñeceu tamén a persoas e institucións con traxectorias igualmente excepcionais, como Nadia Calviño ou a Fundación Paideia, presidida por Sandra Ortega.
A cadea de radio máis antiga de España (Cadena Ser), que na actualidade celebra o seu centenario, vén de recoñecer a traxectoria do CiTIUS como unha institución de prestixio e «referente internacional da IA», ao concederlle un dos seus ‘Premios ‘SERenidade 2024’. Estes galardóns, outorgados cada ano por Radio Galicia – Cadena SER (a emisora decana da radio en Galicia, con máis de 90 anos de antigüidade) recoñecen a persoas e institucións con traxectorias especialmente destacadas, e na súa edición actual distinguiron tamén a Nadia Calviño (presidenta do Banco Europeo de Investimentos, ministra de Economía entre 2018 e 2024 e vicepresidenta primeira do Gobierno de España entre 2021 e 2023); Fundación Paideia (unha fundación presidida pola empresaria Sandra Ortega, que promove desde 1986 o desenvolvemento integral das persoas máis vulnerables); Aluminios Cortizo (primeiro fabricante e distribuidor de sistemas de aluminio na Península Ibérica, e referente do sector en Europa); Carlos Blanco (monologuista, actor e director, un dos referentes da escena galega); e Moncho Fernández (adestrador do equipo Monbus Obradoiro, que conseguiu manter ao equipo na máxima categoría nacional durante 14 anos).
No que respecta ao CiTIUS, o fallo destaca o labor do centro «nun contexto de avance da Intelixencia artificial». Así mesmo, o xurado argumenta a concesión deste premio sinalando que «o centro da investigación da USC tense convertido nun referente internacional, da man do catedrático Senén Barro e dun gran equipo de profesionais».
«Fantástica progresión»
O director científico do centro valoraba esta mañá a noticia «cunha enorme satisfacción». «É un premio importante e dun forte valor simbólico», afirma Barro, «por quen o concede e pola entidade do resto de persoas e institucións premiadas». Para o catedrático de Intelixencia artificial da USC, «en definitiva, trátase dun premio no que a sociedade recoñece o valor do que facemos, e como director, só podo alegrarme». O máximo responsable do centro aproveitou a ocasión para agradecer a todo o persoal do CiTIUS «o gran traballo que está a facer».
«Este é un premio ao conxunto de persoas que cada día realizan un labor impecable no centro, poñendo colectivamente a súa intelixencia natural para desenvolver unha intelixencia artificial fiable e ao servizo da sociedade», dixo tamén o director do CiTIUS. «Creo que todas e cada unha das persoas que formamos parte deste centro podemos sentirnos moi orgullosas e agradecidas por este recoñecemento», conclúe Senén Barro.
A entrega dos premios ‘SERenidade 2024’ terá lugar o vindeiro mércores, 28 de febreiro, nunha gala que se celebrará no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela).