
O CiTIUS trae a Santiago de Compostela a prestixiosa Escola de Teledetección do IEEE, con expertos de la NASA, Google e IBM
O Centro Singular en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) está organizando esta semana a cuarta edición da escola de 'Computación de alto rendemento e disruptiva en teledetección'.
Santiago de Compostela acolle do 4 ao 7 de xuño a cuarta edición da Escola Internacional 'Computación de alto rendemento e disruptiva en teledetección'. Organizado polo Grupo de Traballo High Per. ce and Disruptive Computing in Remote Sensing do Comité Técnico de Informática en Ciencias da Terra (ESI TC) do GRSS, este evento está liderado pola investigadora senior do CiTIUS Blanco Heras, e terá lugar do 4 ao 7 de xuño.
O alto rendemento e a computación disruptiva en teledetección son dúas áreas cruciais para manexar os inmensos volumes de datos xerados polas modernas tecnoloxías de teledetección. Estes métodos informáticos avanzados permiten procesar, analizar e interpretar eficientemente os datos de teledetección, o que resulta vital para aplicacións en áreas de grandes retos, como a vixilancia ambiental, a xestión de catástrofes ou a investigación climática.
O curso atraeu a trinta e cinco estudantes de diversos países do mundo, quince dos cales recibiron financiamento parcial do IEEE GRSS para asistir ao mesmo. O programa inclúe tamén unha visita guiada ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) , que conta entre as súas instalacións co maior ordenador cuántico público do sur de Europa.
O obxectivo principal desta escola é familiarizar aos participantes con avances en métodos paralelos e escalables utilizando tecnoloxías de última xeración en informática na súa aplicación á teledetección. Ademais, ofrece unha oportunidade inestimable para estudantes e mozos profesionais para conectar con investigadores establecidos no campo, fomentando así a colaboración interdisciplinar de investigación HDCRS.
O plan de estudos da escola constará de diferentes sesións organizadas en tres grandes temas: as características que ofrece Google Earth Engine para a Observación da Terra, a IA a gran escala centrada nos Modelos de Fundamentos e os Grandes Modelos de Linguaxe desenvolvidos pola NASA e IBM, e a Computación Cuántica para as Xeociencias e a Teledetección. Estas presentacións estarán dispoñibles unhas semanas despois do curso, a través da canle YouTube do IEEE GRSS.
Na escola participará un gran número de distinguidos conferenciantes, entre os que se inclúen: Manil Maskey, da NASA; Thomas Brunschwiler e Carlos Gomes, de IBM Research; Bertrand Le-Saux, da ESA; Álvaro Moreno e Emma Verdiguier, en representación de Google; Lois Orosa, do CESGA; Gabriele Cavallaro, da Universidade de Islandia e do Jülich Supercomputing Centre; e Dora Blanco, do CiTIUS.
Máis información sobre o curso e o seu programa en HDCRS Working Group.
Sobre o grupo de traballo HDCRS
High Performance and Disruptive Computing in Remote Sensing (HDCRS) é un grupo de traballo do Comité Técnico de Informática en Ciencias da Terra do IEEE GRSS, dedicado a avanzar neste campo a través da investigación colaborativa e as aplicacións tecnolóxicas de vangarda.