
O CiTIUS recibe o Premio Especial CPEIG
O director científico do centro, Senén Barro, recolleu na gala de entrega ‘A Noite 2024’ o galardón concedido ao centro polo seu liderado na organización de proxectos e eventos de alcance internacional, como ECAI 2024.
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) alberga xa, desde o pasado venres, o Premio Especial do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). O recoñecemento chega ao centro tras a gala XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, unha cerimonia na que se fixo entrega do galardón, e que destacou o impacto transformador da informática.
O premio, recollido polo director científico do CiTIUS, Senén Barro, recoñece a destacada labor do centro na organización do 27º Congreso Europeo de Intelixencia Artificial (ECAI 2024), o encontro máis importante de Europa no ámbito da Intelixencia Artificial, e un dos tres máis prestixiosos a nivel mundial no campo. O congreso, que se celebrará do 19 ao 23 de outubro en Santiago de Compostela, convertirá á cidade e a Galicia en epicentros globais da intelixencia artificial.
Traxectoria premiada
Fundado en 2012, o CiTIUS consolidouse como un referente na investigación de intelixencia artificial en Galicia e a nivel estatal. Pertencente á Rede de Centros Singulares de Investigación da USC e parte do CIGUS (a rede de centros de investigación de excelencia creada pola Xunta de Galicia), o centro destaca pola súa participación en numerosos proxectos europeos e o seu liderado en iniciativas de grande impacto, como HYBRIDS, NL4XAI e MENELAOS_NT, que abordan desde a detección de desinformación ata a integración de datos sensoriais. Conta, ademais, co apoio da Unión Europea, que cofinancia as actividades do centro a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.
Ademais, o CiTIUS foi pioneiro en España en liderar dúas cátedras universidade-empresa en colaboración coas compañías tecnolóxicas Plexus Tech e Televés, enfocadas na intelixencia artificial aplicada á medicina personalizada e o deseño microelectrónico. Así mesmo, o proxecto 'Nós' —que se desenvolve na actualidade en colaboración co Instituto da Lingua Galega (ILG)— é outro exemplo do compromiso do CiTIUS co desenvolvemento tecnolóxico na súa contorna, a través da lingua galega.
No centro do debate tecnolóxico
A gala da Noite da Enxeñaría, celebrada no Hotel OCA Porta do Camiño, reuniu a máis de 400 invitados, entre os que se atopaban representantes empresariais, académicos e do sector público. Este evento, consolidado como un punto de encontro para a comunidade TIC de Galicia, subliña a relevancia do traballo realizado polos profesionais da informática na rexión.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, destacou a responsabilidade dos enxeñeiros e enxeñeiras da informática en guiar o desenvolvemento da intelixencia artificial de maneira ética e accesible, e eloxiou especialmente o papel do CiTIUS neste ámbito. «O impacto da IA na modernización das nosas empresas e sectores clave será fundamental. Necesitamos afrontar retos e desafíos cunha visión optimista e proactiva», subliñou Suárez.
A cerimonia concluíu cun espectáculo de 150 drones iluminando o ceo de Santiago, como colofón a unha noite que quedará marcada no calendario para a historia do CiTIUS e a informática galega.