O CiTIUS recupera a campaña ‘#SomosQuen: ‘Científicas preto de TI’ para reivindicar ás súas investigadoras no Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Con motivo do 11 de Febreiro, o centro reúne a unha mostra das súas investigadoras para compartir con elas a súa experiencia a través de unha serie de retratos audiovisuais de proximidade. Neles, as científicas reflexionan sobre algúns dos aspectos que máis influíron na súa carreira profesional, como a curiosidade, a creatividade ou o afán por resolver problemas.

O CiTIUS celebra un ano máis o 11 de febreiro (Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia) recuperando o lema #SomosQuen, enmarcado na campaña 'Científicas Preto de TI'. Esta iniciativa , unha actividade de divulgación proposta como un xogo de palabras entre a segunda persoa do singular en galego ('ti') e o acrónimo da área de investigación principal do centro ('Tecnoloxías Intellxentes'), xurdiu orixinalmente hai exactamente un ano en forma de exposición itinerante: 5 paneis dobres nos que 9 investigadoras en distintas fases da carreira académica compartían a súa experiencia, con mensaxes dirixidas ao público feminino máis novo. Trala súa inauguración no Centro Comercial As Cancelas de Santiago de Compostela, a exposición iniciou unha viaxe de máis dun ano por distintos puntos de Galicia, servindo de inspiración a moitas nenas e mozas cuxo futuro profesional estaba aínda por decidir.

Ante o éxito da proposta en 2022 , o CiTIUS apostou por manter e reforzar en 2023 a esencia desta campaña, introducindo certos cambios de formato , pero mantendo a esencia e o espírito de divulgación que acompañaron a esta iniciativa na súa primeira edición.

11F-miniaturaYoutube.png

Nesta ocasión, serán 5 as mulleres expertas en tecnoloxía as que se senten a conversar diante das cámaras para reflexionar sobre a súa traxectoria profesional. Os vídeos iranse facendo públicos ao longo da semana do 11F, e a través das súas palabras, o público poderá achegarse á persoa que habita trala investigación de vangarda...

Áreas como Informática, Enxeñería electrónica, Tecnoloxías da Linguaxe ou Deseño de microchips, pasarán a un segundo plano para ceder todo o protagonismo ás voces dun grupo de mulleres que, desde a súa experiencia vital e a súa situación profesional na actualidade, evocan as razóns esenciais que as levaron a converterse en científicas, animando a outras mulleres a non poñerse límites e a decidir por si mesmas en que desexan converterse. «Ser muller non é ningún impedimento» «Non pecharse portas». «Coñecer para decidir». Mesmo se iso supón -quen sabe- acabar traballando nun centro de investigación en Intelixencia artificial . As investigadoras do CiTIUS son o mellor exemplo diso.