‘DITMEP’ presenta o seu primeiro piloto de formación non presencial para persoal en fábrica, baseado en técnicas de gaming e realidade aumentada

O proxecto, no que participa o CiTIUS xunto a socios de 3 países da Unión Europea, ten como obxectivo mellorar a aprendizaxe non presencial en Prevención de Riscos Laborais (PRL), e está financiado polo programa ERASMUS+ da Comisión Europea.

Xerar novas capacidades dixitais nas metodoloxías para formadores e alumnos en contornas industriais a través do e-learning, a gamificación e as experiencias de realidade aumentada: ese é o obxectivo principal de DITMEP ('Digital Tools for Manufacturing training and Education Programmes'), un proxecto de investigación transnacional no que participa o CiTIUS baixo o auspicio da Unión Europea (UE), institución que financia o proxecto a través do seu programa de axudas Programa Erasmus+.

O proxecto, que arrincou en 2021 e concluirá o próximo mes de abril de 2023, xurdiu coa vocación de contribuír á transformación das metodoloxías formativas do persoal en fábricas, en resposta ás necesidades xeradas por mor da pandemia. A pesar das restricións derivadas do brote de COVID-19, o labor dos distintos equipos de traballo de DITMEP puido comezar en maio de 2021: «o feito de que a 'dixitalización' se convertese en algo extremadamente importante supuxo unha motivación extra entre tódolos socios, e demostra por si mesmo que este proxecto de investigación gañou en relevancia», afirman fontes do consorcio. «As ferramentas dixitais desenvolvidas axudarán a seguir ofrecendo unha formación de alta calidade no futuro», sinalan.

Concretamente, no último trimestre de 2022 os desenvolvementos realizados en DITMEP deron como froito unha proba piloto desenvolvida nas instalacións dun dos socios do proxecto, o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR). Nela, despregouse un Curso online de Riscos Laborais en contornas manufactureras, usando distintas técnicas de e-learning para promover a aprendizaxe: por unha banda, empregáronse técnicas de gamificación (unha estratexia innovadora baseada na idea de 'aprender xogando'); por outra, incluíronse tamén dúas aplicacións de realidade aumentada, que ofrecen unha maior flexibilidade e facilitan a formación ao interactuar con elementos de sinalización en contornas industriais, así como na selección de equipos de protección persoal (EPIs). Os resultados desta proba piloto serviron para refinar os contidos do curso e o funcionamento das aplicacións de realidade aumentada, incrementado así a calidade dos produtos xerados no marco de DITMEP.

Esta primeira proba piloto é só un dos cursos mixtos que se desenvolverán antes da conclusión do proxecto, prevista para abril de 2023. Nos vindeiros meses, presentaranse novos cursos mixtos de Prevención de Riscos baseados en técnicas dixitais, nos que se manterá o espírito do primeiro piloto: formato transnacional e unha educación innovadora e reforzada no ámbito da fabricación de materiais compostos (composites), que pode ser facilmente replicada noutros sectores industriais

O consorcio de DITMEP está composto por 5 socios de 3 países da Unión Europea: (Alemaña, España e Portugal), e na súa constitución tívose en conta a necesidade de cubrir os diferentes aspectos do desenvolvemento destes cursos de formación. Deste xeito, entre os socios figuran representantes de diversos sectores, como centros de formación, ouniversidades e empresas certificadoras

Os resultados finais de DITMEP presentaranse en abril de 2023, ao longo dunha conferencia final de proxecto que terá lugar en Hamburgo. Tódolos resultados serán publicados na páxina web www.ditmep.eu.