Marcos Fernández Pichel gaña o Premio Ernesto Viéitez Cortizo da Real Academia Galega de Ciencias

O investigador do CiTIUS foi distinguido co galardón para a promoción de Mozos Investigadores, un recoñecemento co que a RAGC premia o seu traballo para detectar información falsa sobre saúde en medios online.

O investigador predoctoral do CiTIUS Marcos Fernández Pichel vén de ser recoñecido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) cun dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022. Uns galardóns dados a coñecer na mañá de hoxe, e cuxo obxectivo é promover e recoñecer a investigación nos seguintes campos: Matemáticas, física e ciencias da computación; Química e Xeoloxía; Bioloxía e Ciencias da saúde; Ciencias técnicas; e Ciencias económicas e sociais, todos eles integrados nas áreas de coñecemento da RAGC.

Trátase dunha distinción da que se cumpren agora 32 edicións, e á que concorreron un total de 66 propostas nas dúas categorías establecidas: traballo de investigación realizado por persoal investigador sénior, e traballo de investigación para incentivar a promoción do persoal investigador máis novo (menores de 30 anos).

A entrega de premios terá lugar ao longo dun acto oficial organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, que se celebrará o próximo 1 de marzo no Pazo de San Roque (Santiago de Compostela).

Intelixencia artificial para o ben común

«Non me esperaba para nada gañalo, xa que é un premio moi competitivo», afirma Marcos Fernández Pichel. «Síntome honrado por partida dobre: por unha banda, seleccionaron a nosa proposta entre 33 traballos de tódalas pólas da ciencia, o que fai moi difícil que gañe un proxecto de Ciencias da Computación», sinala. «Por outro, é a primeira vez que alguén do noso centro recibe un recoñecemento deste tipo, así que iso faime estar aínda máis contento», conta o investigador do CiTIUS.

«A nova era dos medios dixitais mellorou o acceso á información, pero esta non sempre é fiable, precisa ou de boa calidade, o que conduce a que os usuarios tomen decisións erróneas», continúa. «Isto é especialmente crítico cando falamos de persoas que buscan información sobre saúde, por exemplo consello médico, xa que pode provocar danos persoais», explica o investigador premiado.

Ao longo do artigo premiado, publicado en 2022 na revista Engineering Applications of Artificial Intelligence, o equipo do CiTIUS desenvolveu un sistema de recuperación de información capaz de proporcionar resultados correctos e cribles. O marco experimental deste traballo foi a Text Retrieval Conference, o congreso de referencia mundial na avaliación de sistemas de busqueda promovido polo National Institute of Standards and Technologies e o Departamento de Defensa de EEUU, organizado na modalidade de competición, con múltiples retos

«Sentímonos especialmente orgullosos de recibir este premio porque adoita recaer en traballos máis vinculados coa ciencia», apunta Marcos. «É unha xeito de recoñecer a investigación que se fai no campo das novas tecnoloxías, como sucede neste caso, no que aplicamos técnicas de Intelixencia artificial e procesamento da linguaxe natural á resolución dun problema que nos/nos afecta a todos», razoa.