Supercomputador

MICAP, o máster en HPC asociado ao CiTIUS, obtén a mención de calidade da Xunta de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación, e Universidades concede o seu selo de excelencia ao Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións (MICAP), unha iniciativa compartida por entidades de distintos ámbitos que conta cunha destacada participación do CiTIUS.

A Xunta de Galicia vén de conceder unha das súas Mencións de Calidade ao Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións (MICAP), un selo de prestixio co que o goberno autonómico distingue a excelencia de este posgrao. A noticia recibiuse con agrado entre os responsables destes estudos, que confían en que este recoñecemento incrementará o atractivo do máster, axudará a potenciar a capacidade investigadora e de desenvolvemento na área, e contribuirá á captación de talento.

Se trata dun máster no que participan distintas institucións relacionadas co sector, e no que o CiTIUS ten un papel protagonista: «tanto é así, que a práctica totalidade dos profesores do MICAP procedentes da USC están ou estiveron vinculados ao centro nalgún momento… incluíndome a min» chancea o seu actual coordinador, o profesor da USC Pablo Quesada, que lembra o seu pasado como doctorando do CiTIUS, e máis recentemente, como investigador colaborador do centro.

«Ademais de todo o persoal docente que achega, o CiTIUS colabora tamén con recursos de computación, como clústeres HPC e GPUs, que dan cobertura a TFMs tutorizados por profesores adscritos ao centro», prosegue Quesada. «Por outra banda, tanto alumnos como profesores teñen acceso ao programa de formación do centro, o que inclúe cursos de investigación ou de competencias transversais, como charlas de emprendemento ou transferencia tecnolóxica». «O CiTIUS colabora tamén facilitando a realización de prácticas do máster, ofrecendo tanto as súas instalacións como distintos recursos materiais e humanos», sinala Quesada, quen destaca especialmente que «esta mención de excelencia é froito do esforzo dos distintos coordinadores que tivo o máster desde a súa creación; a fin de contas, eu acabo de chegar, o traballo para conseguir esta mención xa estaba feito», remarca.

Ademais do CiTIUS, este máster interuniversitario conta coa participación doutras institucións, entre as que cómpre destacar o convido de dobre titulación coa Cergy Paris Université (Francia). «Tamén son moi relevantes as achegas do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), e a empresa Torus Software Solutions», conclúe.

Un lustro investindo en formación

O Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións (MICAP) impártese desde o curso 2018/2019, e ten como misión dar unha formación profunda e detallada acerca das diferentes tecnoloxías empregadas na área da Computación de Altas Prestacións a futuros profesionais e investigadores do campo. Desde a súa posta en marcha estivo enfocado cara a unha docencia híbrida, na que se imparte clase presencial e a distancia de forma simultánea.

MICAP conta cun convenio de dobre titulación co Grao de Enxeñaría Matemática da Cergy Paris Université (CY), e nel imparten clase 24 profesores, todos asociados da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade da Coruña (UDC).