'Social Minder' gaña o premio á mellor demo no congreso internacional CIRCLE 2022

Marcos Fernández Pichel recolle en Toulouse o recoñecemento á ferramenta desenvolvida no CiTIUS.

O congreso internacional que reúne cada ano ás comunidades do ámbito científico de Recuperación de Información en Europa (Joint Conference of the Information Retrieval Communities in Europe - CIRCLE 2022) acaba de premiar a demo-paper 'Social Minder', unha ferramenta desenvolvida no CiTIUS para detectar información falsa sobre o COVID-19 en redes sociais.

Un dos seus autores, o investigador Marcos Fernández Pichel, recolleu o recoñecemento en Toulouse (Francia) tras presentar o traballo na sección de 'demos' e posters do congreso: «estamos moi contentos de que Social Minder tivese esta gran acollida entre o público asistente», afirma o investigador predoutoral do centro. «Esta plataforma serve para detectar tendencias de credibilidade en Twitter, pero tamén podería aplicarse a outros usos como, por exemplo, monitorizar os produtos dunha compañía e as súas mencións ou un determinado grupo poboacional», explica.

Social Minder é unha plataforma online que analiza en tempo real os contidos e o grao de credibilidade das publicacións relacionadas coa saúde en Redes Sociais. Emprega Tecnoloxías Big Data para o procesamento eficiente de datos masivos, e Tecnoloxías da Linguaxe e Intelixencia Artificial para a predición da credibilidade. A lista de responsables desta ferramenta complétase cos investigadores vinculados do CiTIUS David E. Losada e Juan Carlos Pichel.

A aplicación é de acceso libre e gratuíto, e o seu funcionamento pode consultarse na ligazón https://tec.citius.usc.é/social-minder/.