Noticia
8 de setembro de 2022
Obteñen mediante Realidade Virtual efectos comparables aos das drogas psicodélicas

Obteñen mediante Realidade Virtual efectos comparables aos das drogas psicodélicas

Un traballo publicado na revista científica ‘Nature Scientific Reports’ demostra como as experiencias grupais de Realidade Virtual poden producir respostas similares ás desencadeadas por drogas psicoactivas, como os fungos alucinóxenos ou o LSD.

Describindo as sensacións que xurdiron inmediatamente despois dun accidente cerebrovascular no hemisferio esquerdo, a científica Jill Bolte Taylor, estudiosa do cerebro, relatou: «xa non podía definir os límites do meu corpo... non podo definir onde empeza e onde acaba, porque os átomos e moléculas do meu brazo mestúranse cos átomos e moléculas da parede, e todo o que podía detectar era esa enerxía... cativoume inmediatamente a magnificencia da enerxía que me rodeaba; e dado que xa non podía identificar os límites do meu corpo, sentínme enorme e expansiva [...] Sentinme unha, con toda a enerxía que era. E foi fermoso».

O relato da neuroanatomista norteamericana é un dos moitos exemplos coñecidos de 'experiencias de auto-transcendencia': un termo acuñado para describir estados mentais transitorios nos que o sentido subxectivo dun mesmo como entidade illada pode desvanecerse temporalmente nunha experiencia de unidade con outras persoas ou coa contorna, o que implica a disolución dos límites entre o sentido do eu e o outro.

«Perderse mentres se le un libro, ou durante a redacción dun código informático, son mostras cotiás dunha experiencia auto-transcendente relativamente débil», afirma desde Santiago de Compostela David Glowacki, experto en Realidade Virtual e investigador do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela). «Pola contra, o profundo sentido de interdependencia co cosmos que xorde dunha experiencia mística, ou de ' encontro con Deus', representa unha forma considerablemente máis intensa deste tipo de vivencias», prosegue o científico estadounidense, quen desde este centro de referencia en Europa para a investigación en Intelixencia Artificial, lidera tamén o proxecto 'NanoVR', unha iniciativa financiada polo Consello Europeo de Investigación con 2M€, na que se desenvolverán novas formas de deseño molecular a escala nanométrica mediante Realidade Virtual.

Recentes investigacións publicadas en diversas áreas de estudo (psicoloxía, neurociencia, filosofía, farmacoloxía ou teoloxía) teñen chamado a atención sobre o significado e a percepción que atribúen a estas experiencias as persoas que pasaron por elas. Así, existe na actualidade un crecente interese científico por indagar o potencial terapéutico deste tipo de fenomenoloxía experiencial, que diminúe a identidade do ego, aumenta o sentido de conexión e asóciase cun beneficio terapéutico duradeiro no tratamento da depresión, a adicción e a ansiedade ao final da vida. O obxectivo é chegar a desentrañar de que xeito poderían chegar a inducirse estas 'experiencias de auto-transcendencia' en contextos de laboratorio, para aproveitar os seus potenciais beneficios sobre a saúde mental.

Isness-C.jpg

Glowacki, fundador e responsable do Laboratorio de Realidades Intanxibles -IRL, polas súas siglas en inglés-, conta que o uso controlado de drogas psicodélicas (compostos químicos como a psilocibina, presente nos fungos alucinóxenos, ou o LSD) representa unha aproximación particularmente prometedora: «un estudo publicado en 2006, por exemplo, mostrou que o 67% dos participantes que tiveron estas experiencias subxectivas mentres tomaban psilocibina como parte dun programa de 'psicoterapia psicodélica', consideraban que a experiencia estaba entre as máis significativas das súas vidas». Con todo, estas terapias enfróntanse a unha serie de tabús e retos prácticos para a súa administración xeneralizada: a súa intensa fenomenoloxía provoca en ocasións medo ou pánico e respostas fisiolóxicas asociadas, cuxo inicio e duración adoitan estar fose do control do terapeuta, o que dificulta que este poida dirixir positivamente a experiencia do paciente. Ademais, seguen existindo aínda moitos interrogantes sobre a mellor maneira de determinar unha dose de diana apropiada, que provoque efectos terapéuticos de forma fiable e minimice os riscos.

Tendo en conta as complicacións asociadas á administración de psicodélicos, existen xa investigacións alternativas que exploran tecnoloxías non farmacolóxicas para provocar estes estados de xeito seguro e fiable. «De entre todas elas, a Realidade Virtual ten xurdido como un candidato particularmente interesante, dada a súa capacidade para crear fortes alteracións na fenomenoloxía perceptiva», asegura David Glowacki.

Xunto aos seus colegas do IRL, leva anos traballando nunha experiencia de Realidade Virtual multi-persoa, á que chamaron Isness. En ela, grupos de ata cinco participantes experimentan xuntos o xurdimento, a flutuación e a disipación colectiva dos seus propios corpos: Isness crea unha abstracción do corpo humano como esencia enerxética luminosa e difusa, unha representación estética asociada co 'espírito' en diversas tradicións de sabedoría e meditación.

videomerging-miniatura.png

Nun traballo recente publicado pola revista Nature Scientific Reports, os investigadores van un paso máis aló no deseño destes espazos grupais intersubxectivos, permitindo que participantes situados en distintos lugares do mundo cohabiten o mesmo espazo virtual para ter unha experiencia remota de superposición corpórea. «Seguimos mellorando a nosa tecnoloxía para xerar de maneira segura estas experiencias de auto-transcendencia desde a Realidade Virtual e contribuír ao desenvolvemento de alternativas terapéuticas», afirman desde o grupo.

En concreto, o laboratorio de Glowacki construíu unha experiencia de Realidade Virtual multi-persoa montada na nube e denominada Isness-D (Isness-distribuída), que difumina os límites convencionais do espazo persoal que os humanos adoitan gardar entre si. Os participantes de Isness-D  accederon a este espazo virtual desde unha rede de nodos repartidos por distintos países do mundo (Estados Unidos, Alemaña, Reino Unido), e nel aparecen representados unicamente como esencias enerxéticas luminosas, cuxo resplandor se concentra en torno ao corazón. «A nova tecnoloxía habilita momentos de ' coalescencia enerxética'», explica Glowacki, «unha nova clase de experiencia intersubxectiva na que os corpos poden fusionarse con fluidez, permitindo aos participantes incluír a outros individuos na súa autorrepresentación». As fronteiras corporais de Isness-D son difusas, borrosas e suaves: esténdense máis aló dos límites do corpo físico, o que fai difícil especificar claramente onde termina un corpo e onde empeza outro.

Isness-D.jpg

Para comparar os efectos terapéuticos desta nova tecnoloxía cos tratamentos farmacolóxicos, Glowacki e os seus colegas adoptaron nesta ocasión un enfoque de ciencia cidadá, coordinando unha rede internacional de 'nodos' de Isness-D. «Analizamos os resultados utilizando 4 escalas de referencia aplicadas en estudos previos con psicodélicos para avaliar a fenomenoloxía subxectiva de Isness-D». «De feito, e ata onde sabemos, este traballo representa o primeiro intento de analizar unha experiencia de Realidade Virtual utilizando estas escalas de medición», contan.

«A pesar das complexidades asociadas a un experimento distribuído como este, as puntuacións de Isness-D nas 4 escalas foron estatisticamente indistinguibles das dos estudios con drogas psicodélicas recentemente publicados». Os autores destacan que estes resultados «demostran que a Realidade Virtual distribuída pode utilizarse para deseñar experiencias de auto-transcendencia intersubxectivas nas que as persoas disolven o seu sentido do eu na conexión cos demais e, por tanto, pode ofrecer beneficios terapéuticos similares aos que estas técnicas poden ter no tratamento de diversas patoloxías». Pola súa banda, os participantes manifestaron tamén emocións positivas, así como unha «abafadora sensación de calma e relaxación» ao final da súa experiencia con Isness-D. Así o recolleron as súas respostas no cuestionario posterior facilitado polo equipo de investigación , con frases elocuentes que confirmaban o seu nivel de agrado: «Síntome extraordinariamente feliz. Hai algo que induce á felicidade en toda esta práctica».