Senén Barro incorpórase ao Consello Científico do Real Instituto Elcano

O director científico do CiTIUS únese así a este centro de pensamento e laboratorio de ideas creado en 2001, considerado como «o principal ‘think tank’ de España e un dos máis relevantes de Europa».

Senén Barro, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) foi designado como membro do Consello Científico do Real Instituto Elcano*, un órgano consultivo cuxo obxectivo principal é o de “fortalecer e multiplicar a capacidade de análise e o impacto” do Instituto Elcano sobre a comunidade académica, as redes de ‘think tanks’ e a sociedade no seu conxunto. O director do centro ingresa na institución xunto á súa compañeira de institución María Loureiro, catedrática de Economía na Universidade de Santiago de Compostela.

Na composición deste órgano participan de xeito paritario ao redor de cen persoas procedentes de catro bloques temáticos: ‘think tanks’ globais, investigadores e ‘policy makers’, académicos/as de Latinoamérica e embaixadores/as españois en activo. O conxunto de integrantes están asignados en torno aos dez eixos da axenda de investigación do Instituto, estando representadas as últimas xeracións de persoal investigador con carácter global. Como explica o profesor Senén Barro, o Real Instituto Elcano “é o principal ‘think tank’ de España e un dos máis relevantes de Europa”. O Consello Científico será o órgano internacional consultivo de Elcano, en particular no contexto da investigación que o instituto realiza. En opinión da profesora María Loureiro, os retos deste órgano “están relacionados coa coordinación entre as distintas áreas para producir información útil e de carácter social, que permita o asesoramento especializado e imparcial en temas de actualidade relevantes para España”.

Os dous catedráticos da institución compostelá salientan os seus respectivos ámbitos de contribución, no caso da catedrática María Loureiro asesorando en materias relacionadas con estudos sobre o impacto económico do cambio climático e outros aspectos relacionados coa explotación dos recursos naturais. A docente fai unha valoración “moi positiva” da súa designación como integrante do Consello, dende o punto de vista persoal e como representante da USC en centros de recoñecido prestixio. Recentemente, a profesora Loureiro participara tamén no proxecto España 2050 onde colaborou no desenvolvemento do estudo ‘Fundamentos e propostas para unha estratexia nacional a longo prazo’, documento que presenta unha diagnose sobre os desafíos aos que se enfrontará España a medio e longo prazo, analizando os posibles riscos e tamén as oportunidades que poderían xerar as mega tendencias, como o cambio climático, o envellecemento demográfico ou a transformación dixital.

No conxunto dos dez eixes da axenda de investigación de Elcano, Senén Barro estará particularmente implicado no de tecnoloxía e transformacións económicas. “O impacto das tecnoloxías máis transformadoras, singularmente as TIC, non só transcende fronteiras, senón que globaliza as sociedades e as economías do mundo”, explica o director do CiTIUS. Na súa opinión a coñecida frase ‘pensa globalmente, actúa localmente’ “faise especialmente pertinente neste caso, e será sen dúbida un dos retos de Elcano, ao que espero contribuír dun modo relevante”. Para explicalo, Barro apela ao feito de que os impactos locais destas tecnoloxías “son enormes: afectan ao emprego, á automatización do mesmo, á educación, á saúde... e son, de modo espontáneo, amplificadoras de desigualdades, polo que non podemos asistir impasibles ao seu desenvolvemento e aplicación”.