Éxito na volta da xornada 'Inside the lab' á presencialidade

'Inside the Lab', a xornada de demostración tecnolóxica do CiTIUS ante industria e organizacións, celebrou con éxito unha edición máis recuperando o formato presencial.

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela) acolleu este venres 1 de xullo a VII edición do 'Inside the Lab', un evento anual de demostración tecnolóxica destinado a presentar en persoa as tecnoloxías de vangarda desenvolvidas dentro do centro. O obxectivo desta xornada foi poñer en valor as distintas aplicacións destas tecnoloxías en múltiples ámbitos da actividade industrial ante empresas, administracións e profesionais do sector.

Nesta edición, que foi completamente presencial, os visitantes tivero a oportunidade de coñecer 12 demostradores de diferentes ámbitos científicos, como o deseño de chips, a lingüística, o procesado de imaxe médica, a exploración interactiva de datos ambientais, o agrupamento automático de series temporais, ou o mapeado e seguimento de datos mediante imaxes multi-hiperespectrales e técnicas LiDAR. Ademais, neste encontro volveron participar Situm Technologies e Inverbis Analytics, dous spin-off do centro.

Destacou especialmente o demostrador do novo investigador vinculado do centro, David Glowacki. O científico estadounidense, presentado recentemente nun acto público na Cidade da Cultura de Galicia, realizou unha demostración do seu traballo coas tecnoloxías do Realidade Virtual, un ámbito que lidera a nivel mundial, e en torno ao cal virará tamén o seu primeiro desafío no centro: o proxecto 'NanoVr', financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC) con case dous millóns de euros.