Noticia
28 de xullo de 2022
A Sociedade Española de Lingüística concede a Iria de Deus Flores o premio nacional á mellor t...

A Sociedade Española de Lingüística concede a Iria de Deus Flores o premio nacional á mellor tese de 2021

A investigadora posdoutoral do CiTIUS participará como conferenciante plenaria na 51ª Edición do congreso do organismo, que terá lugar en Murcia en xaneiro de 2023.

A tese da investigadora do CiTIUS Iria de Dios Flores foi distinguida como o mellor traballo doutoral do ano 2021 pola Sociedade Española de Lingüística (SEL), unha entidade científica e non lucrativa que agrupa a especialistas de tódolos ámbitos da ciencia da linguaxe. O fallo do xurado coñeceuse trala clausura da quincuaxésima edición do Simposio e o IV Congreso da Sociedade, aprazado en 2021 e celebrado recentemente en Madrid.

O premio inclúe unha invitación para participar como conferenciante plenaria no próximo simposio do organismo, que acollerá a Universidade de Murcia do 24 ao 27 de xaneiro de 2023, e a súa concesión recoñece o labor plasmado no traballo Processing long-distance dependencies: an experimental investigation of Grammatical Illusions in English and Spanish ('Procesamento de dependencias a longa distancia: unha investigación experimental das ilusións gramaticais en inglés e español'). Unha tese que pretende contribuír á axenda da comunidade científica afanada en entender os mecanismos e arquitecturas utilizados polo sistema humano de procesamento da linguaxe (coñecido como parser) para procesar e comprender as relacións que se establecen entre os diferentes elementos dunha oración.

Á linguaxe, desde a psicoloxía cognitiva

«Estou moi sorprendida, e moi contenta», afirma Iria de Dios Flores. «Vin a noticia un venres pola tarde en Twitter, antes mesmo de recibir a comunicación oficial, e custoume asimilalo... tardei unhas horas en interiorizalo, pero esa mesma noite xa o fomos a celebrar», chancea. «Creo que a parte máis 'orixinal' do meu traballo é a miña propia evolución como científica, a transformación desde o meu perfil de partida como lingüista ata o que cheguei a alcanzar durante a tese, xa que non adoita ser moi frecuente nese ámbito», afirma a investigadora.

A tese premiada xira ao redor da ciencia cognitiva (en particular, a psicolingüística)‚ e aborda distintos campos, como a avaliación experimental‚ a creación de materiais lingüísticos‚ o tratamento de datos e o modelado estatístico. A investigadora posdoutoral do CiTIUS explica algunhas das claves do traballo que agora recoñece a SEL: «ao longo desta tese centreime no estudo de diferentes tipos de estruturas en inglés e castelán utilizando técnicas da psicoloxía experimental, como o rexistro de movementos oculares durante a lectura» (coñecido como eye-tracking). En total rexistráronse un conxunto de 12 experimentos que contribuíron a acoutar o panorama de hipóteses sobre os fenómenos estudados, abrindo novas liñas de investigación. Un labor desenvolvido a medio camiño entre a Universidade de Santiago (USC) e o prestixioso centro de investigación en neurociencia especializado en linguaxe BCBL (Basque Center on Cognition , Brain and Language), que dirixiron os científicos Carlos Acuña, catedrático de lingüística da Universidade de Santiago (USC) e Manuel Carreras, director científico do BCBL Ikerbasque, profesor honorario do University College of London (UCL) e investigador distinguido na Universidade do País Vasco (UPV/EHU).

Ademais, o traballo inclúe dúas estancias en centros de investigación estranxeiros: o Cognitive Neuroscience of Language Laboratory, (University of Maryland, EEUU) e o Human Cognition Laboratory (Universidade do Minho, Portugal). Previamente, en 2015, a investigadora realizara tamén cursos de doutoramento na Universidade de Chicago (EEUU), en virtude dunha axuda (fellowship) da Linguistic Society of America, a organización máis importante do mundo no ámbito da lingüística.

Sobre as consecuencias directas que este galardón pode ter na súa carreira, Iria de Dios Flores destaca a visibilidade: «o feito de dar a conferencia plenaria o ano que vén non só é unha gran responsabilidade, senón que pode axudar tamén a dar a coñecer o meu traballo e, en consecuencia, o dos meus colaboradores, grupos e centros de investigación nos que fixen a tese, e dos que agora formo parte», reflexiona a investigadora do CiTIUS.