Noticia
1 de agosto de 2022
A elite mundial en Intelixencia Artificial reunirase en Santiago de Compostela en 2024

A elite mundial en Intelixencia Artificial reunirase en Santiago de Compostela en 2024

A Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI) concede por segunda vez á USC a organización de ECAI, o evento de IA máis importante de Europa.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) volverá acoller en 2024 o congreso ECAI (European Conference on Artificial Intelligence), o encontro científico máis importante de Europa no ámbito da Intelixencia Artificial, que regresará a Santiago de Compostela por segunda vez en catro anos da man do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes). Así o vén de anunciar a Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI), trala reunión da súa Asemblea Xeral en Viena, sede da edición do congreso este mesmo ano.

Desde o Comité Organizador de ECAI 2024, que volverán presidir os investigadores do CiTIUS Senén Barro (director científico do centro) e Alberto Bugarín (director do Grupo de Sistemas Intelixentes da USC e coordinador do grao en Intelixencia Artificial que comeza a impartirse en Galicia o vindeiro mes de setembro), a satisfacción é máxima: «resulta realmente excepcional que ECAI regrese a Santiago de Compostela tan só catro anos despois da organización na cidade da edición de 2020, que finalmente houbo de celebrarse en formato completamente dixital debido á pandemia», afirman os investigadores, que lembran como «en tan só uns meses reinventamos un congreso previsto como presencial, para convertelo nun encontro totalmente virtual... foi un fito; algo así como cambiar o motor do avión en pleno voo».

Unha afirmación avalada polas cifras do congreso, que contou con máis de 5.000 participantes de 120 países distintos, e no que se presentaron case 400 traballos de investigación.

Ambos coinciden en sinalar que «o éxito daquela edición, e o protagonismo da Universidade de Santiago de Compostela no ámbito da Intelixencia Artificial foron determinantes, sen dúbida, para volver organizar este evento na cidade, que coincidirá, ademais. coa efeméride do seu medio centenario». O primeiro ECAI tivo lugar en 1974, polo que a edición de 2024 en Santiago de Compostela suporá a celebración do medio século de vida deste evento, situado entre o tres máis importantes do mundo no campo da Intelixencia Artificial.

Pasado, presente e futuro da IA

A conferencia ECAI é o evento máis importante de Europa sobre I+D+i en Intelixencia Artificial, e ata a data, ten reunido cada dous anos á elite científica internacional neste ámbito; non obstante, e dado o interese e o avance constante do eido, o congreso abandonará proximamente o seu carácter bienal e pasará a organizarse cunha periodicidade anual.

Ao longo das últimas edicións do congreso participaron miles de investigadores, profesionais do mundo da empresa e das administracións públicas, emprendedores e investidores do cinco continentes. ECAI é punto de encontro obrigado para profesionais do sector, no que se mostra a estado da arte na investigación e o desenvolvemento tecnolóxico en Intelixencia Artificial; a el acoden tanto as empresas líderes a nivel mundial como startups de recente creación, con modelos de negocio, produtos e servizos altamente innovadores.

ECAI 2024 contará cun contido científico-tecnolóxico excepcional, organizado en conferencias plenarias, sesións científicas, obradoiros e seminarios, onde a elite científica internacional presentará os seus resultados de investigación máis importantes e recentes, á vez que analizará asuntos de interese social, económico, lexislativo, político e ético sobre a IA, e os seus desafíos actuais e futuros.

ECAI 2024 incluirá tamén mesas de debate, un programa específico para apoiar e dar visibilidade a investigadores/as neste campo, e a presentación de startups baseadas en IA, así como un espazo de exhibición empresarial e institucional onde se mostrarán os últimos desenvolvementos e aplicacións de IA a nivel mundial. Unha oferta de contidos científicos de primeira orde a nivel internacional, que converterá a Santiago de Compostela na capital mundial da Intelixencia Artificial en outubro de 2024.