Xunta e USC organizan unha xornada aberta ao público para implicar á cidadanía no 'Proxecto Nós', intelixencia artificial ao servizo da lingua galega

O Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia acolle o luns un encontro no que se darán a coñecer os detalles desta iniciativa na que se está a traballar para acadar a total inclusión do galego no mundo dixital e tecnolóxico. O acto contará coa participación, entre outros, da comisionada especial para a Alianza pola nova Economía da Lingua del Gobierno de España así como responsables do desenvolvemento doutros proxectos semellantes noutras linguas cooficiais. Poderán asistir as persoas e organizacións, públicas e privadas, que teñan interese en coñecer o proxecto e a súa evolución e, de ser o caso, mesmo colaborar nel.

A Xunta e a Universidade de Santiago organizan o vindeiro luns a xornada aberta ao público xeral, universidades, empresas e administracións público ao redor do Proxecto Nós de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, a iniciativa na que se está a traballar para acadar a total inclusión do galego no mundo dixital e tecnolóxico.

O encontro celebrarase a partir das 9,00 horas no Edificio Fontán da Cidade da Cultura  e contará cunha mesa redonda e varios relatorios. Será inaugurada polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, o reitor da USC, Antonio López, a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo, e a comisionada especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua do Goberno de España, Cristina Gallach.

A comisionada especial participará, ademais, na mesa redonda que dará comezo ás 9,30 horas A importancia da tecnoloxía da linguaxe na sociedade e na economía, que estará moderada polo director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Senén Barro. Acompañarana o expresidente da Sociedade Española para o Procesamento da Linguaxe Natural, Manuel Palomar; o director do Instituto da Lingua Galega, Xosé Luis Regueira; a directora da Unidade Text Mining do Barcelona Supercomputing Center, Marta Villegas; o vicedirector do HiTZ (Basque Research Center for Language Technologies), Germán Rigau Claramunt.

Inscrición previa

A partir das 11,30 horas celebraranse diversos relatorios sobre a orixe, estado actual e futuro do Proxecto Nós a cargo de varios investigadores que están a traballar nesta iniciativa tanto do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes como Instituto da Lingua Galega, un centro de investigación que vén de cumprir medio século de vida investigando en lingüística e filoloxía galegas, así como na tecnoloxía da linguaxe na súa aplicación ao galego. A asistencia ao encontro é libre e gratuíta, previa inscrición no formulario oficial de rexistro. O prazo para inscribirse permanecerá aberto ata a apertura do acto:

Preme nesta ligazón para inscribirte na xornada

Con esta xornada informativa séguense a dar pasos para avanzar no Proxecto Nós, que vén de entrar na súa segunda fase grazas á nova inxección económica de máis de 600.000 euros. O novo acordo permitirá que este ano os investigadores avancen no traballo de campo, deseñen prototipos dos recursos, experimenten cos primeiros demostradores e creen bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que empresas empreguen o galego nas súas tecnoloxías, entre outras accións.