Albina Sarymsakova

Son lingüista computacional, graduada en Filoloxía Hispánica e con Doutoramento en Estudos Lingüísticos pola Universidade da Coruña (con Cum Laude e Mención Internacional). Ao longo dos meus estudos predoutorais, financiados coas axudas competitivas da Xunta de Galicia, adquirín sólidos coñecementos teóricos e habilidades prácticas avanzadas na análise multimodal do discurso, fonética, fonoloxía, avaliación automática da pronuncia e procesamento da linguaxe natural.

Actualmente, a miña traxectoria de investigación céntrase no procesamento automático da fala de falantes nativos e non nativos, extracción automática supervisada de datos da fala, anotación morfosintáctica automática, así como adestramento dos modelos lingüísticos para análise, etiquetado e tokenización. Participo activamente como investigadora posdoutoral no Proxecto I+D+i “DeepR3.gal: Reducing, Reusing and Recycling large models for developing Responsible and Green Language Technologies” (TED2021-130295B-C33) do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS-USC). No marco deste proxecto, a miña experiencia académica multidisciplinar permíteme abordar o problema da análise sintáctica automática e da etiquetaxe dos corpus galegos.