Pablo Ruiz Fabo

Son profesor de lingüística computacional na Université de Strasbourg (Franza) desde 2018. No CiTIUS, estou a desenvolver un proxecto financiado polo programa Marie Skłodowska Curie Postdoctoral Fellowships.

Na tese de doutoramento, que realicei entre 2014 e 2017 na universidade PSL (Paris Sciences et Lettres), traballei en aplicacións do procesamento da linguaxe natural (PLN) ás humanidades dixitais, concretamente en tecnoloxías como o ligado de entidades (entity linking) e nas súas contribucións á navegación de corpus.

Traballo en aplicacións de PLN á análise literaria (poesía e teatro) e á automatización da creación de corpus dixitais. En Estrasburgo dirixín o proxecto MeThAL, no que desenvolvemos o primeiro corpus dixital libre de gran volume de teatro en alsaciano, así como ferramentas para a súa codificación en formato TEI. Tamén dirixín o proxecto Thealtres, no marco do cal comparamos variables sociales de personaxes de teatro en alsaciano, alemán e francés. 

O desenvolvemento de recursos para o estudo de tradicións literarias en linguas minorizadas mellora a súa visibilidade dixital e aporta diversidade aos estudos literarios computacionais. O proxecto COMPEL, que estou a desenvolver no CiTIUS, concéntrase na análise computacional de literatura en galego e pretende contribuír ao mellor acceso e explotación de produtos culturais nesta lingua.