Sandra Rodríguez Rey

Son Graduada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, onde cursei a titulación case integramente, agás un curso académico que cursei na Universitat Autònoma de Barcelona (programa SICUE). As miñas linguas de traballo son o español, o galego, o inglés e o francés. Especialiceime na tradución audiovisual e na localización a través do Mestrado en Tradución Multimedia da Universidade de Vigo. Ademais, cursei o Mestrado en Profesorado na especialidade de Linguas Estranxeiras da mesma universidade.

Respecto á miña experiencia profesional, antes de chegar ao CITIUS fixen prácticas coma tradutora en dúas ocasións, fixen unha estadía en Francia coma auxiliar de conversa e traballei en Sigma AI, unha empresa especializada na xestión de datos de adestramento de Intelixencia Artificial con sede en Madrid. Cheguei ao CITIUS no ano 2022 coma Técnica de Investigación adscrita ao Proxecto Nós, onde traballei na creación de recursos para o galego e na súa avaliación, principalmente na área da tradución automática.

Na actualidade, son Investigadora Colaboradora no mesmo centro e traballo no proxecto europeo iRead4Skills, onde aplico os meus coñecementos lingüísticos para o desenvolvemento dunha ferramenta do ámbito das tecnoloxías lingüísticas. Ao mesmo tempo, continúo a miña formación por medio do programa de doutoramento en lingüística da USC. A miña tese trata sobre a clasificación automática de textos en función do seu nivel de lexibilidade en castelán e galego e o seu uso para fins didácticos.