A Comisión Científica Externa do CiTIUS avala o labor investigador do centro e anímao a apostar pola excelencia

A Comisión Científica Externa do CiTIUS respaldou o traballo realizado polo centro a longo de 2011 e concluíu que se trata “dun centro prometedor, unha clara aposta pola excelencia”. Nas súas conclusións sinalou que o CiTIUS “ofrece moitas oportunidades para alcanzar un alto nivel de excelencia, non só a nivel español, tamén internacional”. Neste documento recollen que ao ser un centro moi novo, os seus primeiros pasos deben dirixirse a establecer sinerxías, desenvolver proyectos europeos e fomentar a internacionalización.

A Comisión Científica Externa é un órgano asesor encargado de avaliar anualmente o traballo desenvolvido polo CiTIUS e asesoralo de cara ás liñas de investigación do futuro. Esta entidade está formada por cinco científicos de recoñecido prestixio: Ramón López de Mántaras, director do Instituto de Investigación en Intelixencia Artificial do CSIC; Isidro Ramos Salavert, do Departamento de Sistemas Informáticos e Computación da Universidade Politécnica de Valencia; Jaime Carbonell, director do Language Technologies Institute (LTI) na Universidade Carnegie Mellon (CMU); Gustavo Alonso, Departamento de Computer Science (D-INFK) da Escola Politécnica Federal de Zúrich (ETHZ); e Francisco Tirado, director do Centro de Supercomputación Complutense (UCM) e membro do padroado e do Consello Asesor Científico do Parque Científico de Madrid.