As técnicas lingüísticas do CiTIUS acrecentan a súa presenza internacional co licenciamento do corrector gramatical 'Avalingua' a unha spinoff da Universidade de Oxford

A transferencia da tecnoloxía desenvolvida polo grupo de Pablo Gamallo súmase ao nomeamento do investigador como copresidente do Congreso Internacional de Procesamento Computacional da Lingua Portuguesa (PROPOR 2022), o principal evento científico na área do procesamento das linguas naturais no ámbito lusófono, que por primeira vez incluirá o galego como lingua de traballo.

A empresa británica ProWritingAid vén de adquirir os dereitos de explotación para o español de Avalingua, un sistema de corrección e avaliación automática da calidade lingüística dos textos, que emprega técnicas de procesamento da linguaxe natural baseadas en Intelixencia Arficial para detectar e clasificar erros e desviacións a diferentes niveis lingüísticos (ortográfico, léxico, morfolóxico, sintáctico e de estilo). O sistema foi desenvolvido no CiTIUS (Centro Singular de Investigación en ´Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela), por un equipo de expertos no deseño e implementación de tecnoloxías lingüísticas, formado polos investigadores Isaac González, Pablo Gamallo, Marcos Garcia e Daniel Bardanca.

Avalingua, un ‘diamante en bruto’

O proxecto Avalingua naceu hai case unha década, co desenvolvemento dun prototipo para o galego creado no seo da antiga spin-off do CiTIUS Cilenis, recoñecida en 2014 coa‘Honorable Mention’ na final do Building Global Innovators, unha iniciativa do prestixioso centro de investigación estadounidense Massachusetts Institute of Technology (MIT) destinada a promocionar proxectos innovadores.

Mais, malia os distintos recoñecemento e as posibilidades da plataforma, non foi ata hai escasamente un ano cando a empresa británica ProWritingAid comezou a amosar o seu interese na ferramenta, particularmente na súa potencial aplicación á lingua española. A compañía, unha spinoff da Universidade de Oxford que na actualidade comercializa un potente corrector gramatical e editor de estilo para inglés, viu en Avalingua unha oportunidade para abrirse paso no mercado hispano falante; así, tras unha serie de conversas e sucesivos acordos, os investigadores do CiTIUS comezaron a traballar na adaptación ao español de Avalingua, contando para iso co financiamento do Acelerador de Transferencia de Emprendia (USC), que tamén tramitou a licenza de transferencia tecnolóxica coa compañía. O licenciamento definitivo á startup do Reino Unido aprobouse finalmente en Consello de Goberno da USC o 25 de febreiro de 2021.

Primeira presidencia galego-europea dun congreso transoceánico

Paralelamente, os investigadores do CiTIUS Pablo Gamallo e Marcos Garcia veñen de ser nomeados copresidente e responsable de workshops e tutoriais, respectivamente, na XV edición da International Conference on Computational Processing of Portuguese (PROPOR), un congreso científico de máxima relevancia no eido do procesamento computacional do portugués, que terá lugar o vindeiro ano na Universidade da Fortaleza (Brasil), e que por primeira vez inclúe o galego como unha das linguas oficiais de traballo.

«É unha oportunidade magnífica para promover a publicación de novos traballos científicos relacionados coa lingua galega», asegura Gamallo, que ata o de agora viña desempregando distintas funcións na organización deste encontro bienal, co que colabora dende o ano 2016. Gamallo e Garcia promoverán así, desde as súas responsabilidades no encontro, o envío de traballos relacionados co galego entre os equipos científicos deste eido de coñecemento, que dende o pasado día 17 de maio están chamados a compartir as súas achegas a ámbalas dúas beiras do Atlántico.

O congreso PROPOR, que mantén a tradición dunha dobre presidencia américo-europea, celebrarase en 2022 na cidade brasileira de Fortaleza, centrando a súa actividade en cuestións teóricas e tecnolóxicas do portugués e, nesta ocasión, tamén do galego.  «É un desafío para motivar á xente que traballa coa nosa lingua, a ocasión perfecta para que se dinamice máis a colaboración galego-portuguesa», afirma Pablo Gamallo, quen aspira a que esta nova vía de intercambio científico anime cada vez a máis xente a colaborar nesta área. «Que xa somos bastantes», lembra, «pero a idea é que neste ámbito do procesamento da linguaxe sexamos cada vez máis».