Convocatoria de contratos de inicio á investigación

O CiTIUS ofrece catro contratos a tempo parcial a estudantes que teñan rematado un máster e desexen iniciar a súa actividade investigadora no centro.

Unha nova convocatoria de 'Bolsas de Inicio á Investigación' promovida desde o CiTIUS ofrece a estudantes predoutorais a posibilidade de empezar a súa carreira científica no ámbito das Tecnoloxías da Información a través de catro contratos dirixidos a alumnos que finalizasen xa os seus estudos de máster, cos que se pretende espertar o seu interese por realizar posteriormente a súa tese doutoral no centro.

Trátase de contratos a tempo parcial (26h/semana), cunha duración máxima dun ano e dotados cunha asignación salarial de 1.184,73€ brutos mensuais. Con esta nova convocatoria o centro mantén a súa aposta polo talento máis novo, apoiando aos estudantes predoutorais no comezo da súa carreira investigadora co gallo de que continúen os seus estudos de doutoramento nalgunha das liñas de investigación do centro.

As candidaturas recibidas serán avaliadas mensualmente ata esgotar as prazas dispoñibles, e a resolución publicarase na wiki do CiTIUS.

Toda a información sobre a convocatoria e os formularios de inscrición pode consultarse na wiki do centro.