Expertos en ‘Intelixencia Artificial Fiable’ analizan este venres en Santiago os retos da Intelixencia Artificial na administración pública

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC) acolle unha mesa redonda na que se abordarán os novos desafíos que se presentan perante a incorporación das tecnoloxías intelixentes no sector público.

As tecnoloxías baseadas en intelixencia artificial (IA) non deixan de medrar, incorporando progresivamente unha capacidade cognitiva que se ten traducido xa en numerosos servizos e aplicacións de alto valor, impensables ata hai pouco tempo. Boa mostra diso son os sistemas de recomendación, as ferramentas de predición , ou os asistentes conversacionais, cuxa utilización en certos ámbitos -como o comercio, a industria ou o lecer, por citar só algúns exemplos-, son de uso xeneralizado. O efecto imparable da IA estase a notar tamén nas administracións públicas, que empezaron a pór en marcha diversas iniciativas baseadas en intelixencia artificial para lograr uns servizos públicos máis eficaces e proactivos; unhas melloras que, como cabe esperar, deberán ser plenamente garantes dos dereitos das persoas ás que van dirixidas.

En liña con esta preocupación, e co obxectivo de analizar os novos retos que presenta a incorporación da intelixencia artificial aos servizos da Administración pública (así como as consideracións de tipo ético, legal e xurídico, socioeconómico e cultural que deberán terse en conta), o CiTIUS reunirá este venres a distintos expertos para abordar a cuestión, desde a perspectiva da investigación actual e no marco do que se coñece como Intelixencia Artificial Fiable.

O encontro, de carácter presencial e aberto a tódolos públicos, terá lugar entre as 9:30 e as 11:30 do próximo venres, 1 de abril, e será transmitido en directo desde o salón de actos do CiTIUS.

Rol crucial das administracións

Neste contexto, non hai dúbida de que o rol das administracións públicas tórnase non só esencial, senón tamén protagonista, resultando de grande importancia asegurar un diálogo permanente que asegure unha recuperación e transformación económica xusta e integradora.

Tanto é así, que a propia Unión Europea (UE) deixaba claro o seu compromiso nunha recente Comunicación titulada Cara a unha economía ecolóxica, dixital e resiliente: o noso modelo europeo de crecemento. Nela, os responsables do ente comunitario sinalaban o seguinte:

«O Compás Dixital proposto pola Comisión establece as ambicións dixitais da Unión para 2030 […] Estas abarcan catro grandes ámbitos: o desenvolvemento da educación, as capacidades e as competencias dixitais; as infraestruturas dixitais e de conectividade seguras e sustentables; a transformación dixital das empresas, e a dixitalización dos servizos públicos e os sistemas educativos […] Para alcanzar estes obxectivos, teremos que intensificar os investimentos en tecnoloxías dixitais clave, como a ciberseguridade, a computación na nube, a intelixencia artificial, os espazos de datos, a cadea de bloques e a cuántica, e os semiconductores, así como nas capacidades pertinentes»

Paralelamente, a proposta da Unión Europea sobre o primeiro marco regulador sobre a IA (“AI Act”) marca tamén un camiño para abordar os posibles riscos da IA para a seguridade e os dereitos fundamentais; unha iniciativa que persegue garantir o desenvolvemento dunha IA fiable, á vez que fomenta o seu necesario desenvolvemento e a creación dun ecosistema europeo de excelencia en IA.