Galicia lanza a súa estratexia de Intelixencia Artificial: ‘EGIA 2030, cara a unha Galicia Intelixente’

*O director científico do CiTIUS participa como relator convidado no lanzamento da EGIA, a aposta autonómica pola Intelixencia Artificial (IA), que guiará as políticas públicas na Comunidade durante os próximos anos e mobilizará máis de 330 millóns de euros entre 2021 e 2030.*

«É evidente que isto veu para quedar, para transformar a sociedade nos vindeiros anos e lustros». O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou durante a clausura do acto que a intelixencia artificial desempeñará «un papel crucial», e cambiará «non só a forma de traballar, de relacionarse ou de facer negocios, senón probablemente de vivir», afirmou.

A Estratexia Galega de intelixencia artificial (EGIA) mobilizará máis de 330 millóns de euros da Xunta ata 2030 e converterá a Galicia nunha rexión intelixente, que contribuirá á soberanía dixital da UE fronte a outros competidores. Na actualidade hai activos 258 proxectos de investigación no ámbito da IA en Galicia, unha cifra que se verá aumentada nun 20% en 2030 grazas á aplicación da EGIA. Tamén se incrementarán nun 50% os profesionais docentes con formación en competencias dixitais en intelixencia artificial.

Un marco regulatorio baseado na ética e o respecto á intimidade

O presidente da Xunta anunciou tamén que a aprobación desta estratexia dotará a Galicia dun marco regulatorio para o control e o avance ético do procesamiento de datos. Coa posta en marcha da EGIA, a Xunta asume un rol tractor para o aumento dos investimentos na intelixencia artificial, así como na preparación da cidadanía para os cambios socioeconómicos nun marco ético e legal axeitado. Neste sentido, a IA estará ao servizo dunha economía baseada no coñecemento para afrontar os retos inminentes de Galicia, como son as necesidades derivadas da pandemia, o cambio demográfico ou a transición ecolóxica.

A EGIA aliñará as necesidades económicas de Galicia coas capacidades de investigación e innovación, e coas necesidades do sector público e persoal. Promoverá o uso da intelixencia artificial en sectores crave da economía galega, mellorará a prestación de servizos como a sanidade ou a política social, potenciará o patrimonio cultural e o turismo, e apoiará ás pemes galegas nolos seus procesos de transformación dixital.