#GirlsInICT 2021: as investigadoras do CiTIUS reivindican o labor da muller no eido tecnolóxico

O CiTIUS súmase un ano máis á celebración do Día Internacional das Nenas nas TIC, un evento global para alentar as vocacións tecnolóxicas nas nenas e rapazas novas e rebaixar a fenda dixital de xénero, promovido pola Unión Internacional das Telecomunicacións.

Con cinco actividades pensadas para públicos de diferentes idades, o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela) acudiu puntualmente á súa cita coa 10ª Edición do Día Internacional das Nenas nas TIC, un evento promovido pola Unión Internacional das Telecomunicacións, o organismo especializado das Nacións Unidas.

Que foi primeiro, ciencia ou enxeñería?

A investigadora Eva Cernadas foi a divulgadora máis prolífica do centro nesta edición, propoñendo ata tres encontros para o alumnado de primaria e secundaria. Ao longo das actividades tituladas A informática da vida, Nacemos enxeñeir@s para converternos en científic@s e Por que "nacín" enxeñeira? , a científica vinculada ao centro debullou un novo enfoque sobre a tecnoloxía, un eido que aínda hoxe, en palabras de Eva, «segue a ter unha percepción social moi masculina», polo que considerou de grande importancia «asociar esta área a valores como a creatividade, moi importante en enxeñería».

«Sobre todo, non somos conscientes da cantidade de cousas que utilizamos a diario que foron creadas por mulleres», prosigue a investigadora. «Esas cousas non estarían aí de non ser por elas, e este tipo de xornadas contribúen a reinvindicar o papel da muller na enxeñería e na informática». A investigadora quixo tamén reflexionar sobre o tratamento que se adoita dar a este ámbito no ensino: «Que aconteceu en primeiro lugar, a enxeñería ou a ciencia? Eu penso que a enxeñería nace connosco, pero o que se transmite habitualmente vai no sentido contrario: primeiro aprendemos ciencia, e logo chegamos á enxeñería», apunta.

Escudriñando as posiblidades dun píxel

Pola súa banda Paula López, investigadora vinculada e directora adxunta do CiTIUS, falou ao longo da charla A física dos píxeles acerca de como é unha cámara, e cal é a física detrás de todo o proceso de captación dunha imaxe. «Conteilles algunhas das cousas que podemos facer con esas imaxes, concretamente a través do procesamento embebido no propio píxel», afirma. «Tamén lles falei do noso grupo de investigación, onde homes e mulleres traballan no campo da visión artificial». Unha reflexión dirixida ao público máis novo, onde asegura que aínda queda queda moito labor por facer: «creo que hai un claro estancamento, cando non un empeoramento, na porcentaxe de mulleres que elixen unha carreira técnica. As causas sen dúbida son múltiples e complexas de analizar, pero coido que é importante que as alumnas de ESO e bacharelato tomen conciencia do gran número de oportunidades laborais no ámbito das TIC e, sobre todo, poñer de manifesto a presenza feminina nestes ámbitos». Para a investigadora do CiTIUS, «Isto é especialmente importante nestas etapas educativas onde se toma a decisión de como orientar os estudos».

Aprenderlle o noso idioma ás máquinas

Finalmente, a investigadora predoutoral Andrea Cascallarpresentou o seu relatorio destinado ao estudantado de bacharelato e formación profesional como unha mostra da traxectoria que a levou ata o mundo da investigación. A través da súa charla, titulada 'Data-To-Text: unha palabra vale máis ca un millón de datos', Andrea contou a súa experiencia dentro do mundo das TIC, ademáis de falar da temática do seu doutoramento. Para a doutoranda, «a porcentaxe de mulleres dentro das TIC sigue sendo moi baixa», e considera que fan falta máis iniciativas para tratar de invertir a tendencia: «aínda que é moi valioso que se estean realizando este tipo de iniciativas para dar visibilidade, coido que aínda queda moito traballo de cara a averiguar as causas reais de tan baixa presenza de mulleres neste campo», sinala. Por iso, considera vital seguir promovendo inicitativas que as poidan motivar: «considero este tipo de actividades realmente importantes para que se coñeza máis sobre o noso traballo, creo que é o mellor xeito de resultar un área atractiva aos ollos doutras mulleres novas», conclúe.

Na súa edición 2021, o centro ofreceu un total de cinco encontros pensados para distintas idades, que incluían charlas e obradoiros adaptados aos diferentes niveis educativos. Coa súa celebración, as investigadoras participantes (Eva Cernadas, Paula López e Andrea Cascallar) non só pretendían pór en valor a investigación que están a desenvolver na actualidade, senón tamén espertar o interese de nenas e mozas nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), un eido da ciencia que, aínda hoxe en día, conta cunha porcentaxe moi baixa de mulleres.