José M. Alonso, novo ‘Ramón y Cajal’ do CiTIUS

O investigador posdoutoral obtivo unha das 6 axudas estatais destinadas a científicos da área de Ciencias da Computación e Tecnoloxía Informática.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte concedeu unha das 6 axudas ‘Ramón y Cajal’ da área de Ciencias da Computación e Tecnoloxía Informática en toda España a José María Alonso del Moral, investigador do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información).

Alonso, que ata o de agora exercía como investigador posdoutoral contratado, apuntala así o seu labor cun contrato que o manterá vinculado á Universidade de Santiago de Compostela por un período mínimo de cinco anos, tempo que dedicará ao desenvolvemento dos obxectivos fixados na competitiva axuda ‘Ramón y Cajal’.

Intelixencia Artificial urbi et orbi

O principal obxectivo do proxecto que vén de ser referendado polo Ministerio é desenvolver novas solucións de Intelixencia Artificial que sexan capaces non só de extraer información, senón tamén de presentala de forma comprensible para todo tipo de usuarios. Adicionalmente, estas novas solucións deberían estar dotadas da capacidade de diálogo, de tal forma que poidan ‘explicar’ aos seres humanos os fundamentos que sustentan as conclusións que obteñen os seus algoritmos.

Trátase dunha liña de traballo que se enmarca nunha área coñecida como Intelixencia Artificial Explicable, un innovador campo de estudo proposto como aproximación complementaria aos actuais sistemas de tipo “caixa negra” (como o Deep Learning), moi efectivos, pero aos que resulta moi difícil identificar os fundamentos dos resultados que presentan, cando non imposible.

Ao longo do proxecto que agora comeza, o equipo de José Alonso combinará diferentes técnicas de intelixencia artificial, como Lóxica Fuzzy, Algoritmos Xenéticos ou sistemas de Xeración de Linguaxe Natural. Todos eles serán empregados no desenvolvemento de solucións coa capacidade de presentar as súas conclusións aos usuarios mediante unha combinación de audio, gráficos e textos, permitindo que estes poidan adaptarse de xeito dinámico ás necesidades de cada persoa e á información requirida en cada momento.