José Ramón Ríos Viqueira e Manel Cotos participarán como editores convidados nun número especial da revista internacional ISPRS IJGI

Os investigadores adscritos ao CiTIUS coordinarán a edición especial do número 'Large Scale Geospatial Data Management, Processeng and Mining' xunto á científica Aurora Cuartero, da Universidade de Estremadura.

«Tampouco debemos esquecer» afirma o investigador José Ramón Ríos Viqueira, que «estamos a falar dun tipo de datos de natureza altamente heteroxénea, tanto en formatos como en contido: á complexa tarefa de tratalos no seu conxunto, hai que sumar a dificultade engadida de que nun mesmo ‘lote’ convivan entre outros, por exemplo, coberturas e gráficos, imaxes xeoespaciais non estruturadas, nubes de puntos ou documentos de texto», puntualiza.

A gama de aplicacións que poden beneficiarse do tratamento deste tipo de datos é tamén moi ampla. Como explica o investigador Manel Cotos, «cando somos quen de tratar debidamente toda esa información podemos implementar melloras en eidos tan diversos como a planificación e xestión urbana en cidades intelixentes, a pesca e a acuicultura, a produción e xestión de enerxía intelixente, o patrimonio cultural ou o turismo; por outra banda, en ocasións tamén podemos contribuír ao desenvolvemento de sectores a priori menos previsibles como a saúde intelixente ou o envellecemento activo e saudable, a partir da distribución xeoespacial de enfermidades».