«Linguakit», entre os 50 portais web en galego de maior impacto

*A ferramenta de análise de textos desenvolvida por [Cilenis](http://cilenis.com/es/), spinoff do CiTIUS, sitúase por primeira vez no posto 36 nun ránking publicado pola revista 'Código Cero'.*

A revista 'Código Cero' vén de incluir Linguakit nun ranking cos 50 portais web en galego de meirande impacto e relevancia segundo Alexa, a principal ferramenta a nivel mundial en estimación de tráfico de sitios web.

Este ranking nace como resultado da análise web de diferentes portais en lingua galega en base a distintos parámetros, como a media de visitantes únicos diarios, a estimación de páxinas vistas, o número e a calidade de enlaces entrantes ou a porcentaxe de interacción, entre outros factores.

Linguakit, a ferramenta total

Linguakit é un innovador portal online multilingüe, cun paquete de ferramentas lingüísticas e de extracción textual para que toda persoa que posúa certo interese lingüístico poida explorar, analizar e obter unha mellor información dos textos e documentos escritos.

Dispoñible en catro linguas (galego, español, inglés e portugués) emprega un amplo abano de ferramentas web, entre as que destacan un conxugador verbal, un extractor de palabras chave, un analizador de sentimento textual, un tradutor, un resumidor ou un corrector ortográfico e gramatical. Todos eles converten a Linguakit nun dos recursos lingüísticos online máis completos que se poden atopar na actualidade.