Novos mecanismos axilizan o intercambio de información en plataformas de e- learning

*Un traballo dirixido por investigadores do CiTIUS e publicado na revista 'Knowledge-Based Systems' presenta unha ontoloxía web que mellora a comunicación de datos entre plataformas de aprendizaxe virtual, permitindo optimizar estas contornas formativas a distancia.*

A formación online a través de distintas plataformas é na actualidade unha alternativa en expansión, debido ás múltiples vantaxes que ofrece en comparación coa formación presencial. A día de hoxe, é posible xa estudar a través de Internet case calquera materia sen pisar unha aula grazas á tecnoloxía, que permite aos usuarios personalizar todo o seu itinerario formativo e recompilar datos sobre o proceso, empregando plataformas como Moodle.

Neste contexto, o Learning Analytics ten como obxectivo facer un uso intelixente da información que deixan os usuarios–ou «pegada»- para mellorar as plataformas de aprendizaxe virtual, coñecidas como Learning Management Systems (LMS). Estas plataformas de e- learning basean o seu funcionamento en estándares como xAPI para estruturar e almacenar os datos das accións que o alumnado desenvolve nelas (como acceder a un curso, ou terminar un exame); porén, e debido á utilización de estándares diferentes, as LMS atopan a miúdo problemas para comunicarse entre si, o que limita a súa capacidade para intercambiar a información relevante cun nivel de detalle axeitado.

Agora, un novo traballo do CiTIUS recentemente publicado na revista científica 'Knowledge-Based Systems' propón unha solución a estas limitacións: a representación do estándar xAPI a través duns mecanismos deseñados para facilitar o intercambio de información entre computadoras (en termos de ciencias da computación, unha ontoloxía web), capaces de resolver o problema do intercambio de datos entre os LMS e melloralos, ao permitir a análise dos datos recompilados. Ao longo do traballo os autores presentan tamén unha ferramenta de validación, coa que se pode comprobar se as distintas plataformas cumpren correctamente co estándar ao representar a información dos seus usuarios.