O CiTIUS acude puntualmente á súa cita con 'Ciencia Singular', a xornada anual de portas abertas nos centros singulares da USC

O sábado 20 de novembro, os Centros Singulares de Investigación da USC acreditados pola Xunta de Galicia (CiQUS, CiTIUS, CiMUS e IGFAE) abren as súas portas para amosar os espazos, proxectos e experimentos máis singulares e punteiros, así como para conversar con parte do  seu persoal investigador

Química, física, tecnoloxías intelixentes e medicina molecular abren as súas portas o vindeiro día 20 para amosar o máis destacado da súa actividade investigadora nos centros singulares da USC. O CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, o CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) ofrecerán a posibilidade de coñecer in situ os seus espazos, conversar con parte do seu persoal investigador, entrar nos laboratorios e xogar a ser científico e científica por un día nesta xornada aberta á sociedade na que os participantes terán ocasión de tocar as entrañas da ciencia. O obxectivo, espertar vocacións científicas entre os máis novos e que a sociedade se sinta máis próxima á actividade científica, a respecte, a valore e contribúa ao seu desenvolvemento. 

A principal novidade do CiTIUS nesta quinta edición de Ciencia Singular será a súa aposta polo aliñamento dos demostradores da xornada cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. Baixo esta premisa, o encontro amosará de que xeito a investigación do CiTIUS está a contribuír co plan mestre, guiadas polo persoal do centro a través de múltiples eidos: dende o desenvolvemento de técnicas que promovan unha Intelixencia Artificial (IA) ética e transparente, ata a presentación de algoritmos de detección e seguimento automático de obxectos, pasando polo deseño de máquinas que entenden a linguaxe humana, ou como integrar unha IA nun circuíto integrado. A visita servirá tamén para achegarse a robótica á xente miúda, programando un robot, manexando un brazo robótico como os que se empregan na industria, ou competindo contra un coche de Scalextric dotado dunha Intelixencia Artificial.

Charlas divulgativas

O CiTIUS acollerá ao longo do día distintas conferencias que achegarán a investigación desenvolvida no centro a tódolos públicos, incluíndo temáticas como a relación entre a Intelixencia Artificial, as imaxes e a saúde (María José Carreira), o agrupamento automático de condicións hidrográficas nas rías galegas (David Losada), a reflexión sobre o final dunha era coa chegada dos supercomputadores ‘Exascale’ (Juan Carlos Pichel) ou a importancia crucial do desenvolvemento de chips (Paula López).

Pola súa banda, o CiQUS abrirá as portas dos seus laboratorios para manter encontros de proximidade cos asistentes. Durante a actividade “Conversas cos nosos investigadores” Diego Peña, María Tomás, Moisés Gulías, Rebeca García, Francisco Rivadulla, Ester Polo, Eddy Sotelo e Manuel Ortuño permitirannos coñecer de preto o traballo que desenvolven habitualmente no centro e os últimos avances nos seus respectivos campos.

O programa do CiMUS contempla entre as súas accións charlas divulgativas sobre as claves do xigantismo e novas abordaxes da man de Clara Álvarez; permitirá saber, grazas a Ángel Carracedo, que é e por que é importante a medicina personalizada; Fernando Domínguez responderá á pregunta de se o cancro é unha enfermidade hereditaria; e descubrir por que durmimos, da man de Olga Barca, pudendo seguirse tanto de maneira presencial, en directo, como por streaming a través da súa canle de Youtube.

O programa do IGFAE ofrecerá distintas charlas divulgativas de Cristina Cabo, Xabier Cid, José Edelstein e Verónica Villa que abordarán desde a orixe do universo ata a recente detección de ondas gravitacionais, pasando polo nacemento da física nuclear e o descubrimento de partículas en aceleradores como o CERN; charlas que se retransmitirán en directo a través da canle de Youtube do IGFAE para quen non poida achegarse ao centro.

Un día para xogar coa ciencia

Xogando coa química é a acción do CiQUS dirixida ós máis pequenos da casa mediante obradoiros nos que poderán descubrir a química dos polímeros ou a importancia que teñen os cambios de cor na Química. Tamén poderán observar diversos fenómenos luminiscentes e entender como suceden; ademais de realizar coas súas propias mans algúns dos experimentos máis divertidos. Por outro lado, na aventura Infiltrados no Laboratorio, os asistentes coñecerán de primeira man o emprego de técnicas habituais e o funcionamento dalgúns dos equipos máis representativos do centro.

Aprender a elaborar un dentífrico natural ou saber máis do pH co que nos conta a lombarda será posible grazas ós obradoiros de Ciencia Divertida que ofrece o CiMUS. Para os máis maiores ofrecerá obradoiros de divulgación sobre ilusións sensoriais, plaquetas “Dr. Jeckyll & Mr. Hyde” ou autopistas da vida do sistema vascular; e haberá ocasión tamén para cargar mostras en xeles de agarosa ou de lévados.  Para os visitantes máis curiosos que queiran coñecer por dentro o traballo de campo, o CiMUS permitirá entrar na plataforma Innopharma dedicada ó descubrimento temperán de fármacos, ademais de contar cun tour virtual para achegar as súas instalacións.

Os obradoiros e demostracións do IGFAE permitirán coñecer de forma práctica como funcionan as súas instalacións científicas. Para os máis pequenos, o IGFAE desenvolverá un obradoiro no que experimentarán a gravidade no espazo interterestelar e aprenderán conceptos como o espazo-tempo co videoxogo desenvolvido no centro “Einstein Rocket”. Os asistentes máis maiores construirán os seus propios detectores con pezas de Lego e observarán con cámaras de néboa as partículas cósmicas que bombardean constantemente a Terra. O programa da xornada complétase cunha exposición dunha carta de núcleos construída con Legos para visualizar os isótopos dos elementos químicos en tres dimensións.