Récord de inscricións no obradoiro de HTML5 organizado por investigadores do CiTIUS

As aulas de informática da ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago) acolleron o pasado venres a segunda sesión do curso sobre HTML5 organizado polos investigadores do CiTIUS Eduardo Sánchez Vila e Alberto Bugarín Diz, e impartido pola empresa tecnolóxica TeslaTechnologies. Fundada por titulados en Enxeñaría Informática da USC, esta compañía situada en Santiago de Compostela centra a súa actividade no desenvolvemento de aplicacións e solucións en liña baseadas en deseño HTML5-CSS3, programación Java, técnicas SEO-SEM, e plataformas de comercio electrónico.

O curso, que foi dividido en cinco sesións intensivas en quenda de tarde, está dirixido a estudantes dos distintos másters ou graos da área TIC, e superou tódalas previsións dos seus organizadores ao exceder o número de solicitudes de inscrición a cota das 40 prazas ofertadas.

HTML5 nace como consecuencia da evolución da linguaxe HTML, utilizada para a creación de páxinas Web. Este novo estándar do consorcio W3C (un organismo internacional encargado de desenvolver pautas e protocolos para asegurar o crecemento futuro da Rede) supón unha revolución no campo das aplicacións para web e dispositivos móbiles, afectando directamente aos desenvolvedores que traballan nesta área.

Ademais, os últimos movementos da industria están a dar un impulso definitivo ao HTML5, xa que as principais compañías de software -con Apple e Google á cabeza- decidiron apostar por ofrecer un maior soporte para as novas características, tanto nos navegadores tradicionais coma nas súas respectivas versións móbiles (smartphones, tablets, etc.).

O obxectivo do obradoiro é fixar unha serie de conceptos esenciais, para que os alumnos poidan ter unha base axeitada sobre a que construír proxectos de maior complexidade. Algúns destes conceptos xirarán en torno ao acceso e mantemento de datos off-line, a xestión de información de xeolocalización utilizando o dispositivo GPS do móbil, a integración de audio e vídeo, a creación de animacións básicas 2D, ou o desenvolvemento de elementos HTML5 con JavaScript e CSS3.