Tres investigadores do CiTIUS entre os beneficiarios das axudas predoutorais da Xunta

Víctor Gallego, Daniel Cores e Xosé Fernández acadan as axudas que concede a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para financiar o desenvolvemento da súa tese doutoral no centro.

O CiTIUS segue posicionándose como referente na formación de novos investigadores nos campos máis punteiros das Tecnoloxías da Información (TI). A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia vén de conceder 3 das súas 57 axudas de apoio á etapa predoctoral a Víctor Gallego Fontenla, Daniel Cores Costa e e Xosé Fernández Fuentes, actualmente investigadores en formación realizando a súa tese doutoral en diferentes liñas e programas científicos do CiTIUS.

Resoltas recentemente e publicadas o pasado martes no Diario Oficial de Galicia (DOG), as axudas concedidas a cada investigador destinaranse a  financiar o seu contrato no CiTIUS durante un máximo de 3 anos, período no que  os doutorandos permanecerán vinculados á Universidade de Santiago de Compostela (USC); o seu proxecto desenvolverase  no marco dunha liña de investigación adecuada aos retos establecidos na Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3, un dos criterios avaliados á hora de conceder estas axudas, e que recoñece ao CiTIUS como centro impulsor do I+D+i galego.

«Detección de cambios estruturais en modelos de proceso»

A tese do investigador Víctor Gallego centrarase no deseño de algoritmos que atopen e describan os cambios producidos nos ‘modelos de procesos’, unha paradigma moi útil empregado nas organizacións para avaliar a correcta xestión dos seus recursos e procedementos.

«Redes convolucionais espazo-temporais para a detección de obxectos e o recoñecemento de accións»

Pola súa banda, Daniel Cores traballará nun novo sistema para detectar de forma automática en que zonas e momentos dunha imaxe dinámica se está a producir unha determinada acción, capaz de determinar en que lugar se atopa un obxecto a partir dun vídeo de entrada, identificar a categoría á que pertence (coche, animal, persoa…) ou mesmo a acción que está a realizar (correr, nadar, saltar...).

«Desenvolvemento de modelos de aprendizaxe automática para a reconstrución de imaxes tomográficas de uso industrial e médico»

Finalmente, Xosé Fernández explorará durante a súa tese distinta técnicas de aprendizaxe automática (Machine Learning) para analizar os sinais obtidos mediante técnicas de tomografía, como o EIT (Tomografía de Impedancia Eléctrica) ou o ECT (Tomografía de Capacitancia Eléctrica). O uso destas ferramentas, con aplicacións médicas e industriais, permitirá obter os parámetros físicos do interior dun corpo de maneira rápida, precisa e non invasiva.