
Alberto Bugarín, Medalla de Investigación en Matemáticas, Física e Ciencias da Computación
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) anuncia a concesión da súa prestixiosa Medalla ‘Enrique Vidal Abascal’ ao investigador do CiTIUS, en recoñecemento á súa destacada traxectoria no ámbito da intelixencia artificial e as súas múltiples aplicacións.
O investigador do CiTIUS Alberto Bugarín, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi recoñecido coa Medalla de Investigación Enrique Vidal Abascal 2024; un dos recoñecementos máis prestixiosos da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), que cada ano distingue a traxectoria de científicos/as en activo con traxectorias consolidadas, desenvolvidas maioritariamente en Galicia.
Paralelamente ao seu traballo como membro do CiTIUS e docente na USC, Bugarín coordina tamén o Grupo de Sistemas Intelixentes (GSI); un equipo de referencia competitiva da Xunta de Galicia cuxa labor céntrase en áreas punteiras como a xeración de linguaxe natural, intelixencia artificial fiable, computación flexible e aprendizaxe automática.
Así mesmo, Bugarín coordina tamén o Grao en Intelixencia Artificial impartido conxuntamente polas tres universidades galegas, e ocupa importantes roles en asociacións cruciais para o seu campo de estudo a nivel nacional, como a Asociación Española para la Inteligencia Artificial (AEPIA) e a Sociedad Española para el Procesamiento del Lenguaje Natural (SEPLN), o que o posiciona como un dos referentes no seu campo a nivel internacional. Participou en máis de 60 proxectos de I+D e é coautor de máis de 200 traballos científicos.
Un recoñecemento colectivo
«Este recoñecemento non é individual, senón colectivo», sinalou Bugarín. «É o froito do traballo e esforzo dos investigadores do Grupo de Sistemas Intelixentes do CiTIUS durante os últimos 35 anos. A medalla é tanto deles coma miña, e reflicte o alto nivel internacional das nosas investigacións en intelixencia artificial desenvolvidas desde Galicia».
A entrega da medalla terá lugar o próximo martes, 8 de outubro, no Paraninfo da USC, coincidindo co acto do Día da Ciencia en Galicia.
Recoñecementos a outros investigadores da USC
As Medallas de Investigación que concede cada ano a RAGC buscan destacar a excelencia científica e fomentar a ciencia e a tecnoloxía galegas. Xunto a Alberto Bugarín, outros dous investigadores da USC foron galardoados nesta edición: Diego Peña Gil, Medalla Antonio Casares Rodríguez en Química e Xeoloxía, e Santiago Lago Peñas, Medalla Domingo García-Sabell Rivas en Ciencias Económicas e Sociais. Ambos foron recoñecidos polas súas destacadas contribucións nos seus respectivos campos.
A lista de investigadores premiados en 2024 complétase con Antonio Figueras Huerta (CSIC, Vigo) en Bioloxía e Ciencias da Saúde, e Pedro Arias Sánchez (Universidade de Vigo) en Ciencias Técnicas.