11F 2025: O CiTIUS ofrece unha nova edición dos seus obradoiros sobre ciencia na infancia

A investigadora Eva Cernadas conduce dúas actividades de rexistro gratuíto, que facilitan materiais didácticos para o profesorado de centros de educación infantil, primaria e secundaria.

No marco da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra cada ano o 11 de febreiro, o CiTIUS presenta dúas plataformas dedicadas a promover a visibilidade das mulleres no ámbito da ciencia e a tecnoloxía, así como a impulsar o acceso das nenas máis novas a ambos campos.

Estas actividades, recollidas en dúas páxinas web, son o resultado dun traballo continuo e colaborativo para resaltar a contribución feminina ó desenvolvemento científico e tecnolóxico. Unha labor de difusión coordinada pola profesora Eva Cernadas, investigadora do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes e divulgadora comprometida coa igualdade de xénero no ámbito científico-académico.

A web A informática e a vida explora a historia da informática dende unha perspectiva igualitaria e con enfoque de xénero, poñendo en valor as aportacións de mulleres pioneiras no campo da computación. Nesta plataforma ofrécese un total de dez actividades para realizar nas aulas enfocadas a centros de educación primaria e secundaria.

A páxina O uso do xogo e a arte para educar na enxeñaría dende a infancia ofrece actividades interactivas e recursos educativos audiovisuais para fomentar o interese de nenas e nenos na ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (STEM) dende a súa máis tenra infancia, xa que o contido desta web está dirixido a centros de educación infantil e primaria.

Ambas plataformas perseguen o mesmo obxectivo: servir de ferramenta educativa ó persoal docente de infantil e primaria para que este poida utilizalo como guía en clase. A través de actividades dinámicas e accesibles dirixidas a diferentes cursos, invitan a reflexionar sobre a importancia da inclusión de xénero no ámbito científico, así como a descubrir algúns posibles usos da tecnoloxía e a enxeñaría.

O profesorado dos centros educativos interesados só terá que acceder á páxina de rexistro de cada web e cubrir un breve formulario para solicitar o acceso ós talleres.

O 11F: un día para recoñecer ás mulleres e nenas na ciencia

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia (11F) é unha data clave para visibilizar e promover o papel das mulleres na investigación científica e tecnolóxica. Esta celebración mundial ten como obxectivo inspirar a máis nenas a interesarse e participar nas disciplinas STEM, fomentando a igualdade de oportunidades nun sector historicamente dominado polos homes.

Coa presentación destas dúas plataformas web, o CiTIUS súmase a esta causa da man da investigadora Eva Cernadas. O obxectivo último é aportar recursos educativos valiosos e accesibles que permiten achegar ás novas xeracións a un mundo de posibilidades científicas sen barreiras de xénero.

Noticias relacionadas

O CiTIUS publica o obradoiro 'A informática e a vida' para promover a igualdade na aprendizaxe tecnolóxica
Noticia27 de febreiro de 2024

O CiTIUS publica o obradoiro 'A informática e a vida' para promover a igualdade na aprendizaxe tecnolóxica

Eva Cernadas García, investigadora vinculada ó Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), propón unha serie de talleres para os centros de ensino co gallo da celebración do 11F, o Día da Muller e da Nena na Ciencia. O profesorado interesado poderá rexistrarse de forma gratuíta na páxina web do obradoiro para acceder ós seus contidos.

Promovendo a aprendizaxe igualitaria da enxeñaría entre o alumnado máis cativo
Noticia13 de febreiro de 2023

Promovendo a aprendizaxe igualitaria da enxeñaría entre o alumnado máis cativo

O CiTIUS propón na semana do 11F un obradoiro de enxeñaría ‘para profes e peques’ de infantil e primeiros cursos de primaria, unha etapa formativa que non adoita estar incluída nos esforzos da comunidade investigadora por dar a coñecer as áreas máis técnicas.