PROPOR, o congreso máis importante do mundo en procesamento da lingua portuguesa, sae dun país lusófono por primeira vez na súa historia e chega a Santiago de Compostela

O evento principal no ámbito do procesamento da linguaxe natural e a intelixencia artificial centrado en cuestións teóricas e tecnolóxicas do portugués escrito e falado arrinca o vindeiro martes en Galicia, unha edición na que o galego estará presente con numerosos traballos centrados no procesamento automático da lingua propia.

En menos de vinte catro horas dará comezo da decimosexta edición do Congreso Internacional sobre Procesamento Computacional do Portugués (PROPOR-2024): un encontro científico de máxima relevancia no campo e que, por primeira vez, terá lugar fóra dos países de fala lusófona. Os investigadores responsables da súa celebración en Santiago de Compostela coinciden en salientar a importancia deste feito, xa que coa súa chegada á cidade «prodúcese unha volta á orixe, xa que a Galiza é o lugar de nacemento da lingua portuguesa», explican. O galego terá, así, un destacado protagonismo no evento, xa que tamén estará presente con numerosos traballos centrados no procesamento automático da lingua propia. 

Múltiples enfoques para unha mesma lingua

PROPOR-2024 achegará a Santiago de Compostela unha mostra da comunidade investigadora no eido do procesamento da lingua portuguesa en todo o mundo: con preto de 150 persoas inscritas (a maioría delas procedentes de Brasil e Portugal), o evento terá lugar entre o 12 e o 15 de marzo na Cidade da Cultura.

A organización deste encontro corre a cargo do CiTIUS, que coordina tódolos detalles da súa celebración a través do equipo de investigación do Proxecto Nós. O investigador vinculado Pablo Gamallo, presidente do comité organizador, salientaba hoxe a importancia que ten acoller un congreso destas dimensións na cidade: «É fundamental para o futuro do galego asegurarmos a súa presencia nos dispositivos de intelixencia artificial e modelos de linguaxe que a xente usa xa habitualmente. O contacto con grupos punteiros portugueses e brasileiros promoverá novas colaboracións que nos permitirán acceder a máis recursos lingüísticos para o galego de alta calidade. O acceso á tecnoloxía lusófona e unha moi boa noticia para o futuro do galego». Na organización de PROPOR-24 participa tamén o investigador Ramón y Cajal do centro Marcos García, presidente do comité de programa do congreso.

PROPOR-24 arrincará oficialmente trala apertura do mércores 13 de marzo, un acto inaugural no que participarán o Secretario Xeral de Política Liingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o vicerreitor de profesorado da USC, Ernesto González Seoane. 

O evento principal contará con 70 comunicacións científicas, que incluirán presentacións orais e pósters, ademais de varios eventos asociados: 4 workshops (un deles centrado nunha competición entre sistemas); 2 titoriais; 1 sesión de demostradores; 1 xuntanza industrial; e 2 mesas redondas.

Na primeira mesa redonda para empresas tecnolóxicas, presidida por José Ramom Pichel (CiTIUS & Imaxin|Software), participarán Senén Barro (CiTIUS), Livy Real (Quinto Andar, Brasil), Diego Vázquez (Imaxin|Software), Carlos Amaral (Priberam, Portugal) e Paulo Cavalin (IBM, Brasil). A segunda mesa redonda, onde se debaterán cuestións de política científica á volta da intelixencia artificial e da lingua portuguesa/galega, presidida por António Branco (Univ. de Lisboa), terá os seguintes participantes: Ana Paula Laborinho (Directora da Organización de Estados Iberoamericanos - OEI, Portugal), Claudio Pinhanez (IBM & Vicedirector de C4AI, Brasil), e Ismael Gómez García (Director de Global Digital Strategy da OEI). Por último, compre salientar o brillante perfil dos tres ponentes convidados: Elias Feijo (USC), que fará uma radiografía da historia da lingua galega/portuguesa desde diferentes puntos de vista, Gemma Boleda (Univ. Pompeu Fabra), que se centrará no estudo dos cambios léxicos, e Marta Ruiz Costa-Jussà (Meta AI - París), especialista en métodos de avaliación de modelos de tradución.  

PROPOR-2024 ofrecerá ás persoas asistentes distintas actividades socio-cultuais, entre as que cómpre salientar a actuación de Quico Cadaval e un concerto de Laura LaMontagne.  Así mesmo, o congreso conta co patrocinio de distintas institucións públicas e privadas, como son: Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (principal patrocinador); Concello de Santiago de Compostela; AMTEGA; CESGA, Imaxin|Software;  puntogal e o centro brasileiro C4AI.