Deseño electrónico de dispositivos intelixentes

O ámbito científico de deseño electrónico de dispositivos intelixentes abrangue o deseño e simulación de dispositivos semicondutores e nanoelectrónicos e o deseño de circuítos electrónicos intelixentes.

O deseño e simulación de dispositivos semicondutores está enfocado a aplicacións centradas en dispositivos autónomos e móbiles, eficientes dende o punto de vista enerxético, buscando reducir o consumo e tamaño, incrementando a súa integración, e ao mesmo tempo aumentando a súa capacidade de cómputo. Este ámbito está centrado en particular en dous campos de traballo. En primeiro lugar no estudo de transistores de última xeración, predicindo a súa evolución e limitacións tecnolóxicas, e en segundo lugar no desenvolvemento de sistemas de alimentación remoto, células solares e convertedores de potencia. Nestes estudos empréganse ferramentas de simulación numérica propias e metodoloxías de aprendizaxe automático co fin de obter a mellor implementación posible en cada campo de aplicación.

Por outra banda, o deseño de circuítos e sistemas intelixentes ten entre os seus obxectivos levar a intelixencia artificial á computación no borde, é dicir, trasladar a toma de decisións ó propio dispositivo, o que supón unha alternativa prometedora ó enfoque actual baseado en transferencias masivas de datos e grandes recursos computacionais. Este paradigma de computación distribuída, de baixa potencia e consciente do contexto precisa de circuítos electrónicos específicos de tamaño reducido e moi baixo consumo de potencia capaces de dotar de autonomía a sistemas con acceso enerxético limitado no marco do Internet das Cousas (IoT), a Industria 4.0 ou os dispositivos biomédicos implantables. Na práctica, o noso ámbito aborda dende o deseño e test de circuítos CMOS específicos á implementación de algoritmos sobre sistemas encaixados comerciais como FPGA e GPU.

Queres saber máis?

Para colaboracións, visitas, etc. contáctanos.