Robótica

A robótica está a incrementar a súa importancia na nosa sociedade a pasos axigantados na última década, tanto a nivel industrial (Industria 4.0) como a nivel de servizos (Sociedade 5.0). Esta implantación progresiva dos robots nos diferentes ámbitos da nosa vida cotiá leva consigo a necesidade dun importante impulso en investigación, innovación e transferencia en todos os campos científicos relacionados directamente coa robótica, sendo cada vez máis importantes as sinerxías entre a robótica e a intelixencia artificial para o avance desta disciplina.

Dentro deste ámbito, dous dos elementos máis importantes para o aumento das capacidades dos robots son as capacidades para manipular obxectos (manipulación robótica) e a capacidade de interaccionar de forma natural e directa cos humanos (interacción humano-robot). Os robots (móbiles, brazos articulados ou brazos articulados sobre plataformas móbiles) utilizados en aplicacións industriais e de servizos deben adaptarse mellor á súa contorna mediante o desenvolvemento de novas estratexias de control multi-modal (baseados en información visual, de forza, táctil...) co obxectivo de poder manipular obxectos (especialmente deformables) en tarefas colaborativas con humanos. Para o desenvolvemento destas capacidades resulta especialmente relevante o avance nos algoritmos de consenso e aprendizaxe distribuída, así como o axuste dos modelos aprendidos ao longo do tempo. Tamén a mellora das capacidades de visión artificial que permitan ao robot o recoñecemento de escenas e a identificación de características da contorna, o procesamento de xestos e a interpretación de accións que faciliten a interacción destes sistemas cos humanos. Así mesmo, o desenvolvemento de capacidades que melloren a autonomía e navegación avanzada dos robots en contornas complexas, non estruturados ou predefinidos.

Queres saber máis?

Para colaboracións, visitas, etc. contáctanos.