Inmaculada Tomás Carmona
Son profesora Catedrática de Universidade da área de Estomatoloxía no Departamento de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas na Universidade de Santiago de Compostela (USC) desde 2022. Entre os anos 2011 e 2014, fun membro do Equipo Decanal da Facultade de Medicina e Odontoloxía, en calidade de Vicedecana de Odontoloxía. Na actualidade, son Coordinadora da Unidade Clínica e de Investigación en Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais e Coordinadora do Grupo de Investigación “Oral Sciences Research Group” da USC, pertencente á Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS). Son Investigadora Colaboradora en institucións internacionais como o Eastman Dental Institute, Queen Mary University of London e King’s College London.
Son Editora asociada de varias revistas científicas JCR de alto impacto. Teño recibido numerosos premios de investigación outorgados por sociedades científicas internacionais -ou nacionais-, como IADR, SAIBA, SEOC e SEOII, así como outorgados por outras entidades públicas e privadas. Son inventora de tres patentes con rexistro nacional. Posúo tres sexenios de investigación recoñecidos pola CNEAI, un índice H= 43 e un número de referencias= 4800 (Google Académico, a data do 8 de xaneiro de 2023).
Participei en 25 proxectos competitivos de I+D+i de índole nacional (financiados polo Instituto de Saúde Carlos III) e rexional, así como en contratos con empresas internacionais do sector biomédico, como Johnson and Johnson e Lacer. En 15 destas actividades son Investigadora Principal, das cales 8 son proxectos competitivos e 7 contratos con empresas.
Teño participado tamén na elaboración de máis de 110 publicacións en revistas con índice de impacto, máis de 25 capítulos de libros e dirixido 17 Tese Doutoral (8 das cales, recibiron o Premio Extraordinario de Doutoramento en Ciencias da Saúde, USC).
A miña investigación esta centrada no avance científico das ciencias odontolóxicas, comezando inicialmente no campo da microbioloxía oral, para incorporar no últimos dez anos as tecnoloxías ómicas e as técnicas de intelixencia artificial. O grupo de investigación que lidero, Oral Sciences Research Group (USC – FIDIS), está centrado actualmente no desenvolvemento de dúas liñas de investigación: 1) Entendemento e diagnóstico das enfermidades orais humanas mediante a aplicación e desenvolvemento de técnicas bioinformáticas en tecnoloxías ómicas; 2) Diagnóstico odontolóxico sobre imaxes da cavidade oral mediante a aplicación e desenvolvemento de técnicas de intelixencia artificial.
Respecto a a primeira liña de investigación, fomos o primeiro grupo no noso país que realizou a caracterización bioinformática do microbioma oral asociado á periodontitis e a saúde periodontal. Desde un punto de vista metodolóxico, realizamos varias análises in silico para coñecer a cobertura dos pares de cebadores (primers) empregados na secuenciación do microbioma oral, detectando a presenza de amplicones coincidentes e amplicones con valores de similitude ≥97% (OTUs).
Para levar a cabo estes obxectivos, desenvolvemos o software PrimerEvalPy, unha ferramenta que permite a análise de cebadores in silico antes de calquera proceso de secuenciación, contribuíndo así a mellorar a calidade e fiabilidade dos resultados de diversidade microbiana de calquera ecosistema polimicrobiano. Coa finalidade de avaliar a capacidade preditiva do microbioma oral como ferramenta diagnóstica na era da medicina personalizada, desenvolvemos un clasificador taxonómico, denominado MicroMeta Evaluator, baseado en técnicas de aprendizaxe automática que permite mellorar a taxa de clasificación dos métodos actuais para secuencias con erros de secuenciación, así como obter a definición dunha determinada condición clínica oral. Actualmente, estamos a analizar o proteoma oral mediante técnicas de aprendizaxe automática para a detección e identificación de novos biomarcadores moleculares diagnósticos, avaliando a súa relación co microbioma oral.
Respecto a a segunda liña de investigación, coa finalidade de proporcionar o diagnóstico automatizado da idade cronolóxica e o sexo sobre imaxes radiolóxicas, desenvolvemos Dentius Age, un software baseado en redes neuronais profundas de elevada precisión que pode traballar coa imaxe completa, seleccionando exclusivamente a mandíbula ou exclusivamente os dentes mandibulares. Co propósito de cuantificar de forma automatizada os niveis de placa dental, desenvolvemos os softwares Dentius Deep Plaque e Dentius Biofilm, establecéndose o primeiro protocolo automatizado de análise da placa, tanto a nivel macroscópico como microscópico, que permite avaliar in situ os patróns de evolución en distintas condicións clínicas, así como a eficacia de diferentes medidas de hixiene oral.
Persoal investigador colaborador
/team/inmaculada-tomas-carmona
team_gl