José Ángel Taboada González

Son profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela, área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, e pertenzo ao Departamento de Electrónica e Computación. Licencieime en CC. Físicas no ano 1990 e acadei o grao de doutor no ano 1996 na mesma universidade. Entre os anos 2003 e 2006 fun secretario do Graduado Superior en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e dende Decembro do 2010 son secretario do Departamento de Electrónica e Computación nesta universidade.

Participei en máis de 70 actividades de I+D+I das que unha parte significativa, máis de medio centenar, está relacionado directamente coa transferencia tecnolóxica a empresas a través de contratos de investigación. Neste ámbito participei como xestor no programa sectorial 'Sociedade da Información' dos plans Galegos de investigación, PGIDIT 2002-2005 e INCITE 2006-2010, entre os anos 2004 a 2007. Son ademais socio fundador dunha empresa de spinoff da USC, adicada á recreación de contornas virtuais en museos dixitais interactivos.

Aínda que os meus traballos iniciais estiveron relacionados coa supervisión de pacientes e integración de equipos en Unidades de Coidados Intensivos dende o ano 1998 desviei a miña atención cara á supervisión de edificios a través dun proxecto co que a universidade de Santiago mantén a supervisión de 47 edificios incluíndo 10 motores de coxeración. Na actualidade pretendemos utilizar esta experiencia traballando no ámbito da Intelixencia Ambiental.