«Ao sol» (sesión XVI): ‘Dos algoritmos de resistencia á resistencia infraestrutural: disputar unha computación sen límites’ | Convidado: Emiliano Treré

Esta charla artículase en dúas movementos conectados. O primeiro parte do libro Algoritmos de resistencia e examina como traballadores de plataformas, creadores e activistas aprenden a interpretar, burlar e reorientar os sistemas que organizan as súas vidas. Son formas de resistencia que actúan a través dos algoritmos e dentro das súas gretas, amosando que a vida algorítmica non constitúe un espazo de dominación total.

O segundo movemento desprazase e amplía a mirada: desde os algoritmos cos que interactuamos cara ás infraestruturas materiais que os fan posibles. No contexto da rápida expansión da intelixencia artificial, os centros de datos consumen enerxía, auga e territorio, e sosteñen un réxime computacional que tende a presentarse como inevitable e ilimitado. A partir do proxecto DataECO, a charla aborda as formas de resistencia contra estas infraestruturas e as loitas que cuestionan os seus custes ambientais, sociais e políticos.

Ambos movementos permiten percorrer un mesmo problema en dúas escalas: desde as disputas cotiás dentro dos sistemas algorítmicos ata os conflitos polas condicións materiais que sosteñen a súa expansión. Non se trata de abandonar a cuestión da axencia algorítmica, senón de ampliar o territorio e o alcance da resistencia.

Sobre o ponente

Emiliano Treré é investigador distinguido ATRAE no Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, onde desenvolve o seu traballo na Facoltà de Ciencias da Comunicación e está adscrito ao Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Na USC dirixe DataECO, un proxecto dedicado ao impacto ambiental das infraestruturas dixitais e ás formas emerxentes de activismo medioambiental a través e contra os datos. Tamén lidera o equipo de investigación ADS —Culturas Algorítmicas, Ecologías de Datos e Medios Sintéticos— dentro do grupo Novos Medios.

É así mesmo Reader in Data Agency and Media Ecologies na School of Journalism, Media and Culture da Cardiff University, onde codirixe o Data Justice Lab. A súa investigación sitúase na intersección entre os estudos de medios, a socioloxía dixital e os estudos críticos de datos, con especial atención ao activismo dixital, a xustiza de datos e as culturas algorítmicas en América Latina e no Sur Global. É tamén cofundador da iniciativa Big Data from the South.

Autor de cinco libros e máis de oitenta artigos académicos, entre as súas obras destacan Hybrid Media Activism, Data Justice e Algoritmos de resistencia. A loita diaria contra o poder das plataformas, escrito xunto con Tiziano Bonini e publicado en español por Lengua de Trapo. O seu traballo recibiu recoñecementos como o ICA Outstanding Book Award e o MeCCSA Best Article Award, e colaborou con organizacións como Nacións Unidas, UNICEF e USAID. Antes de incorporarse á USC, foi profesor distinguido Beatriz Galindo Sénior na Universitat de València e profesor na Universidade Autónoma de Querétaro, México.