Conferencia: 'O problema de antropomorfizar a intelixencia artificial'

Nesta conferencia analizaremos unha tendencia moi arraigada: a de antropomorfizar a intelixencia artificial, é dicir, atribuírlle cualidades humanas como a intención ou a comprensión alí onde en realidade non existen. A través de exemplos como o Turco Mecánico ou o experimento de ELIZA, veremos que non se trata dun fenómeno novo, senón dun mecanismo psicolóxico profundo que nos acompaña desde fai séculos. Hoxe esta tendencia vese amplificada polos modelos de linguaxe, capaces de xerar respostas altamente convincentes que simulan comprensión. Pero convén subliñalo: esa aparencia non implica que haxa pensamento nin comprensión real. Atopámonos ante un fenómeno comparable a unha ilusión perceptiva —como a de Müller-Lyer— que persiste incluso cando sabemos que é falsa. É dicir, non desaparece co coñecemento. Finalmente, veremos que esta confusión non é inocente. Pode conducir a erros de xuízo, a delegar decisións onde non deberiamos e, sobre todo, a un deterioro progresivo da confianza social. A proliferación de contidos e identidades artificiais creíbles ameaza con erosionar a distinción entre o verdadeiro e o falso, debilitando institucións fundamentais como o xornalismo, a xustiza ou a democracia.

Modera: Senén Barro

Sobre o ponente

Ramon López de Mántaras Badia é Profesor de Investigación (emérito) do CSIC no Instituto de Investigación en Intelixencia Artificial (IIIA), do que foi fundador e director. Tamén é Profesor Visitante Distinguido da Western Sydney University. Investiga en Intelixencia Artificial (IA) desde 1975 e é pioneiro da IA en Europa. Doutor en Física pola Universidade Paul Sabatier de Toulouse (Francia), "Master of Science" en Informática pola Universidade de California-Berkeley (EE.UU.) e Doutor en Informática pola Universidade Politécnica de Cataluña. Foi Profesor Titular da Facultade de Informática de Barcelona e Catedrático da Universidade Pierre et Marie Curie de París. Foi Editor principal da revista europea de IA e Editor Asociado da revista Artificial Intelligence. Autor de máis de 300 traballos científicos e dos libros de divulgación "Intelixencia Artificial" publicado por "Los Libros de la Catarata" e "100 cousas que hai que saber sobre Intelixencia Artificial" publicado por Lectio. Recibiu, entre outros, os seguintes recoñecementos: Earle C. Anthony Award da Universidade de California-Berkeley en 1978, Premio "Cidade de Barcelona de Investigación" en 1982, Premio "Robert S. Engelmore Memorial" da Asociación para o Avance da IA (AAAI) en 2011, Premio "Distinguished Award" da Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI) en 2016, Premio "Donald E. Walker Award" de IJCAI en 2017 e “Premio Nacional “Julio Rey Pastor” de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións en 2018. É Fellow de EurAI e membro do Institut d'Estudis Catalans (Academia de Letras e Ciencias de Catalunya). Preside a Comisión Científica Externa do CiTIUS.