Ciclo de conferencias 'Investigadoras de prestixio' | Pamela Abshire: 'BioChips: aproveitando os circuítos integrados para a sensórica, a medicina e a ciencia'

Os avances da microelectrónica permitiron durante as últimas décadas unha progresiva miniaturización e integración dos sistemas electrónicos, abrindo o camiño a novas aplicacións científicas, tecnolóxicas e biomédicas. Nesta conferencia, Pamela Abshire presentará os sistemas lab-on-CMOS (LoCMOS), unha tecnoloxía emerxente que combina capacidades de sensórica, procesamento de sinal e actuación nun único microsistema altamente integrado.

A charla ofrecerá unha introdución aos principios e aplicacións desta tecnoloxía, facendo especial fincapé nos imaxeadores capacitivos LoCMOS, unha innovadora modalidade de sensado capaz de monitorizar células vivas en cultivo mediante a medición do acoplamento eléctrico entre as células e electrodos integrados nun substrato CMOS. Este enfoque permite observar fenómenos celulares relevantes —como a adhesión, a proliferación, a motilidade, a división celular ou as respostas a tratamentos farmacolóxicos— sen necesidade de empregar marcadores químicos.

A conferencia abordará tamén os desafíos asociados á integración de sensores diagnósticos en dispositivos biomédicos, entre eles o encapsulado, a esterilización, a comunicación ou a alimentación enerxica dos sistemas. Neste contexto, as técnicas de imaxe capacitiva e os sistemas LoCMOS emerxen como ferramentas con gran potencial para impulsar unha nova xeración de biosensores e solucións de diagnóstico médico.

Sobre a relatora

Pamela Abshire é catedrática e directora do Departamento de Electrical and Computer Engineering da Stony Brook University (Estados Unidos). Licenciouse en Física no California Institute of Technology e obtivo o mestrado e o doutoramento en Electrical and Computer Engineering na Johns Hopkins University. Entre ambas etapas desenvolveu actividade profesional na empresa de dispositivos biomédicos Medtronic. Antes da súa incorporación a Stony Brook foi profesora na University of Maryland, College Park, e investigadora do Institute for Systems Research.

Recoñecida internacionalmente polas súas contribucións aos biosensores CMOS, os circuítos integrados analóxico-dixitais de baixo consumo e os sistemas electrónicos adaptativos, a súa investigación explora a integración de microelectrónica, MEMS, optoelectrónica, microfluídica e compoñentes biolóxicos para o desenvolvemento de novas tecnoloxías de sensado. É autora de máis de 150 publicacións científicas e titular de tres patentes. Ao longo da súa traxectoria recibiu, entre outros recoñecementos, un NSF CAREER Award, a distinción de IEEE Fellow polas súas contribucións aos biosensores CMOS e o nomeamento como Distinguished Scholar-Teacher da University of Maryland.