Álvaro Ordóñez e Nicolás Vila gañan dous dos tres Premios Extraordinarios de Doutoramento en Enxeñaría

Os dous investigadores colaboradores do CiTIUS foron galardoados este luns polas súas teses no ámbito da enxeñaría.

Nun recoñecemento á excelencia académica e científica acadada ao longo da súa tese, Álvaro Ordóñez e Nicolás Vila, investigadores posdoutorais colaboradores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), recibiron este luns dous dos tres Premios Extraordinarios de Doutoramento 2021-2022 no campo da Enxeñaría, que concede anualmente a Universidade de Santiago de Compostela (USC). A cerimonia, celebrada na Aula Magna da Facultade de Psicoloxía, estivo presidida pola vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso, xunto coa secretaria xeral, Dulce María García Mella, e a secretaria da Escola Internacional de Doutoramento (EDIUS), María Isabel Neira Gómez.  

Os premios extraordinarios de doutoramento son un recoñecemento á investigación, esforzo e dedicación que hai detrás dun traballo académico -neste caso, unha tese doutoral-, e o seu obxectivo é dar pulo a unha notable traxectoria académica e profesional. A distinción outorgada a Ordóñez e Vila resalta o talento individual dos dous investigadores, e reforza o compromiso do CiTIUS coa formación de calidade, que contribúe ao avance do coñecemento e a innovación.  

Con este novo recoñecemento, a tese de Álvaro Ordóñez acumula tres distincións de calidade, tralo Premio á mellor tese do capítulo IEEE España de Xeociencia e Teledetección (2023), ou mesmo a distinción ‘Premio T3M’, recibida en 2022.  O traballo, titulado 'Efficient Registration of Multi and Hy. tral Remote Sensing Images on GPU', desenvolveuse baixo a dirección de Dora Blanco, investigadora vinculada do CiTIUS, e Francisco Argüello, expertos en computación en altas prestacións e teledetección. «A motivación deste estudo xurdiu da necesidade de desenvolver algoritmos capaces de procesar e aliñar automaticamente a gran cantidade de datos en imaxes multi e hiperespectrais capturados diariamente por satélites, como UAVs ou avións», explica Álvaro.  

Pola súa banda, Nicolás Vila recibiu tamén este premio ao seu traballo sobre a estimación automática da idade e a clasificación do sexo en radiografías panorámicas dentais. Un estudo ao que titulou 'Deep learning for chronological age and sex prediction from dental panoramic radiographs', e que contou coa dirección da investigadora vinculada do CiTIUS María José Carreira, así como de Inmaculada Tomás, investigadora colaboradora do centro. «Os sistemas propostos poden axudar a mellorar a precisión e a eficiencia de multitude de procedementos realizados actualmente no ámbito da medicina legal», afirma Nicolás. 

Os dous premios consolidan o liderado do CiTIUS no ámbito da investigación en enxeñaría, ao figurar por segundo ano consecutivo dous dos seus membros entre os tres premiados nesta categoría. Por outra banda, o destacado labor de ámbolos dous investigadores reafirma a súa dedicación e esforzo nas súas respectivas áreas de estudo, poñendo en valor así mesmo a capacidade do centro para fomentar o desenvolvemento de investigacións innovadoras e de alto impacto na comunidade científica. Álvaro Ordóñez e Nicolás Vila coinciden nas súas reflexións ao valorar que «sempre é gratificante que se recoñeza un traballo de varios anos de estudo», aludindo tamén aos seus directores e grupos de investigación ao sinalar que «este tipo de recoñecementos serven para poñer en valor o traballo de investigación realizado en grupo».