Eva Cernadas, recoñecida pola USC nos Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación

O traballo «Perspectiva de xénero en materias de programación básica», desenvolvido pola investigadora vinculada do centro, vén de ser distinguido co 3º premio na modalidade de docencia na XVI edición dos galardóns da USC, que recoñecen boas prácticas na promoción da igualdade no ámbito universitario.

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu onte a entrega dos XVI Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación, unha iniciativa consolidada que distingue cada ano proxectos exemplares na incorporación da igualdade como dimensión de calidade e innovación docente e investigadora.

Entre as persoas premiadas desta edición atópase Eva Cernadas, investigadora vinculada do CiTIUS (un centro cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027), que foi galardoada co terceiro premio na modalidade de docencia, polo seu traballo «Perspectiva de xénero en materias de programación básica». A iniciativa, desenvolvida en colaboración co tamén investigador do CiTIUS Manuel Fernández Delgado, propón incorporar a perspectiva de xénero no ensino de programación, promovendo unha maior participación feminina e rompendo estereotipos asociados ás disciplinas STEM.

O acto de entrega contou coa presenza do reitor da USC, Antonio López, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez, que coincidiron en salientar o compromiso e a calidade dos proxectos galardoados. Antonio López referiuse a este acto como un dos máis significativos da universidade, «porque premiamos proxectos de gran valor e repercusión, que serven de exemplo para seguir avanzando en materia de igualdade», afirmou.

Convocados pola USC coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, estes premios teñen como obxectivo fomentar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, recoñecida como un indicador de calidade e innovación no ámbito universitario. Ademais, esta liña de actuación foi recoñecida polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas europeas na integración da igualdade de xénero en universidades e centros de investigación, e figura como exemplo na súa ferramenta en liña GEAR Tool.

Con máis de duascentas propostas presentadas, estes galardóns téñense convertido nun referente dentro da Universidade de Santiago ao longo das súas dezaseis edicións, consolidando destes xeito un espazo que visibiliza o compromiso do persoal docente e investigador coa igualdade e a diversidade.