Computación de altas prestacións

A resolución de problemas cunha carga computacional elevada require a utilización de computadores paralelos e de hardware específico nun gran abanico de campos da ciencia, a enxeñaría e a industria. Moitas aplicacións necesitan un poder computacional elevado para manter o seu avance, e para elas, a computación de altas prestacións é a ferramenta crave. É imprescindible utilizar técnicas de computación de altas prestacións para extraer toda a capacidade que ofrecen as diferentes plataformas de cómputo, tales como os procesadores multinúcleo, manycore, supercomputadores, GPUs, FPGAs, coprocesadores de propósito específico (como as unidades para cálculo tensorial) ou, mesmo, as futuras unidades de procesamento cuánticas (QPUs). A utilización eficiente e a mellora en rendemento destas plataformas require actuacións tanto a nivel hardware como software. A un nivel máis alto, as tecnoloxías de procesamento Big Data tamén poden utilizarse para resolver problemas complexos en grandes clústers de computadores. Especialmente interesante é tamén a computación na nube, que establece un novo paradigma para a prestación de servizos a través da rede que universaliza a computación de altas prestacións.

As liñas de investigación nas que se enmarca este programa abarcan dous aspectos fundamentais, por unha banda, o estudo e a programación dos diferentes tipos de sistemas de computación comentados, e por outro, o do seu uso en diversos ámbitos de aplicación para os que se deseñan solucións baseadas en técnicas entre as que se inclúen as propias da Intelixencia Artificial. As aplicacións nas que se fai un maior esforzo nos últimos anos son as relacionadas coa simulación de dispositivos electrónicos e células solares, o procesamento de datos hiperespectrales e LiDAR, o procesamento de imaxes e a bioinformática entre outras.

Queres saber máis?

Para colaboracións, visitas, etc. contáctanos.