Visión por Computador

O ámbito científico de Visión por Computador inclúe os sistemas que desenvolven e aplican tecnoloxías intelixentes no ámbito da visión. Aplícanse tanto a imaxe estática (biomédica, sinais captados por sensores, imaxes hiperespectrales, ...) como dinámica (vídeos ou secuencias temporais). Realízase unha aproximación desde o baixo nivel (computación ao bordo) até o alto nivel (análise intelixente de imaxes e vídeos), deseñando as solucións sobre plataformas computacionais que proporcionen o tempo de resposta requirido.

O desenvolvemento de tecnoloxías intelixentes a baixo nivel inclúe a investigación que se denomina intelixencia ao bordo, na que se deseñan sistemas de baixo consumo de potencia ou autoalimentados con capacidade de sensado, computación intelixente de datos e comunicación con outros dispositivos ou coa nube.

O desenvolvemento de tecnoloxías intelixentes a alto nivel inclúe a investigación que se desenvolve relativa á detección e seguimento de obxectos en vídeo en tempo real, a análise e a interpretación de imaxe biomédica para diagnóstico e detección a nivel micro e macroscópico, ou o desenvolvemento de técnicas de aprendizaxe automática para o procesado, clasificación e análise en tempo real de imaxe e secuencias temporais obtidas mediante sensores multi e hiperespectrales de teledetección instalados en satélites, avións ou UAVs.


Queres saber máis?

Para colaboracións, visitas, etc. contáctanos.