COATI: Procura avanzada multilingüe en blogs para a recuperación de opinión e tendencias nos ámbitos empresarial e da administración pública

O incremento exponencial dos sitios web fai que cada vez sexa máis complicado para empresas e administracións públicas realizar seguimentos efectivos do impacto dos seus produtos, políticas e actividades; coñecer a opinión pública ou anticiparse ás tendencias que xorden na rede. Coa aparición e aumento de blogs e redes sociais xurdiron novos fenómenos: as opinións e as tendencias en diferentes formatos e idiomas, constituíndo novos retos tecnolóxicos no campo da recuperación da información.

A minaría de opinións é unha tecnoloxía novidosa e emerxente necesaria na sociedade globalizada da web 2.0. É unha disciplina recente, resultado do cruzamento entre a recuperación da información, a lingüística computacional e a intelixencia artificial, que traballa non só coa información presente nun documento senón tamén coas opinións que recolle.

O proxecto COATI Opinion Mining desenvolve unha plataforma de recuperación de opinións e tendencias en blogs especializados a partir da cal empresas e administracións públicas poderán conseguir, de forma precisa, información relevante sobre os seus produtos, proxectos e políticas.

Obxectivos

  • Realización dun estudo técnico sobre retos no acceso e explotación da información en blogs, así como de coleccións de referencia de bitácoras e a problemática do crawling (diversidade de fontes, formatos, frecuencias de actualización).
  • Orientación a perfís: plataforma orientada ás características dos usuarios, podendo estes expresar necesidades complexas de información.
  • Multilingüismo: o usuario só debe expresar as súa necesidade de opinións e tendencias na súa lingua. O sistema encargarase de procurar información en diferentes idiomas (galego, español, portugués, francés e inglés) e de devolver resultados en diferentes linguas mediante o uso do sistema de tradución automática Opentrad.
  • Orientación a resultados relevantes: a través de técnicas de sumarización de textos para que a información sexa o máis condensada posible e minimizar o tempo requirido para o seu procesamento.
  • Open source: a plataforma resultante liberarase seguindo as recomendacións europeas do grupo ISTAG, baixo licenza GPL da Free Software Foundation para que se poida aproveitar de futuros desenvolvementos realizados pola comunidade.
  • Construción dun prototipo de minaría de opinións multilingüe para a súa aplicación no dominio xornalístico, na telefonía, na televisión interactiva e na administración pública.
Ligazón á páxina web do proxecto