Ciencia Singular 2026 | 10 anos de portas abertas no CiTIUS

Abrir as portas do CiTIUS e atoparvos ao outro lado, desafiando o frío da mañá ou as inclemencias da noite temperá do outono. Compartir o que investigamos, escoitar as vosas preguntas e ver como a curiosidade nos fai sentir máis preto, teñamos a idade que teñamos. Ano tras ano, son moitas as emocións que envolven #CienciaSingular, a Xornada de Divulgación organizada conxuntamente pola Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

Nesta 10ª edición, tan especial para nós, quixemos volver achegar a nosa investigación á cidadanía e compartir coas persoas que nos visitastes a ilusión coa que traballamos cada día. Este vídeo recolle moito dese espírito a través das vosas caras, dos encontros e dos sorrisos que nos deixou a xornada. O noso máis sincero agradecemento a quen vos implicastes para facelo posible, un ano máis: compartindo a vosa investigación, preparando as actividades e coidando cada detalle. Graciñas tamén ás institucións que colaborastes connosco e, por suposto, a todas as persoas, pequenas e maiores, que nos acompañastes.

É unha honra recibirvos e compartir convosco a ciencia que facemos. Queremos que o CiTIUS sexa un centro próximo, aberto á sociedade e comprometido coas súas necesidades. Un lugar onde investigar signifique tamén escoitar, compartir coñecemento e traballar polo ben común. A nosa gratitude por formar parte desta gran familia da ciencia.

E se aínda non nos coñeces... velaquí o convite para o ano que vén! Ata entón, vémonos cando queiras en calquera das nosas actividades abertas ao longo do ano.

A nosa ciencia... é singular!

Arquivo

Ver todos os vídeos no noso arquivo de vídeos