O CiTIUS reforza o papel de Santiago como punto de encontro global para as tecnoloxías de nova xeración aplicadas á observación da Terra

A quinta edición da IEEE HDCRS Summer School regresa a Santiago de Compostela para celebrar a súa terceira edición consecutiva no CiTIUS, reunindo persoas expertas procedentes da academia, centros de investigación, axencias espaciais e empresas tecnolóxicas para explorar o futuro da intelixencia artificial, a computación de altas prestacións, as tecnoloxías cuánticas e a observación da Terra.

Por terceiro ano consecutivo, Santiago de Compostela convértese nun punto de referencia para a comunidade internacional da teledetección. O CiTIUS, centro singular de investigación en tecnoloxías intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (un centro cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027), acolle unha nova edición da International School on High-Performance and Disruptive Computing in Remote Sensing (HDCRS), un programa formativo especializado organizado pola IEEE Geoscience and Remote Sensing Society (GRSS) a través do seu Earth Science Informatics Technical Committee (ESI TC), en colaboración coa IEEE Iceland Section.

O evento reúne estudantes, persoal investigador en etapas iniciais da súa carreira, profesionais da industria e especialistas de recoñecido prestixio internacional que traballan na intersección entre a observación da Terra e a computación avanzada. Ao longo do programa abordaranse algunhas das tecnoloxías que están a transformar o sector, como a intelixencia artificial, a computación de altas prestacións, as infraestruturas na nube, a computación cuántica e as arquitecturas especializadas para a análise de datos xeoespaciais a grande escala. Máis información sobre o programa pode consultarse na páxina web oficial da HDCRS Summer School.

Tres edicións consecutivas converteron Santiago nun punto de encontro da comunidade internacional da teledetección

A escola foi creada en Islandia en 2021 baixo o impulso do grupo de traballo HDCRS e da IEEE Iceland Section, converténdose rapidamente nun referente internacional para a investigación sobre a aplicación de tecnoloxías computacionais disruptivas aos desafíos da observación da Terra. Tras celebrar as súas primeiras edicións en Reykjavík (Islandia), o CiTIUS trouxo a iniciativa a Santiago de Compostela en 2024, abrindo unha nova etapa para o programa e reforzando os seus vínculos co ecosistema europeo de investigación. Desde entón, o evento continuou medrando baixo a coordinación local da investigadora do CiTIUS Dora Blanco.

A chegada da escola a Galicia marcou un fito tanto para o evento como para a institución anfitrioa. Tal e como se recollía cando o CiTIUS trouxo por primeira vez esta prestixiosa iniciativa a Santiago en 2024, o traslado ampliou o alcance internacional da escola e xerou novas oportunidades de colaboración entre especialistas en teledetección, intelixencia artificial e computación avanzada.

O impulso continuou ao ano seguinte, cando a edición de 2025 consolidou Santiago como o novo fogar da escola e reuniu especialistas de organizacións de referencia internacional como a NASA, Google ou IBM. Sobre ese éxito previo, a edición de 2026 amplía aínda máis a súa rede de colaboracións e apoios institucionais.

Nesta edición participa un amplo ecosistema de organizacións académicas, científicas e industriais. Entre as entidades colaboradoras atópanse a NASA, a Axencia Espacial Europea (ESA), IBM, Google Developers Experts, Forschungszentrum Jülich, CESGA, a University of Iceland, a BOKU University, a IEEE Iceland Section, Quantum Cosmos Lab, FAST-EO, IMPACT, E4 Computer Engineering, EUROCC, a Universidade de Santiago de Compostela e o propio CiTIUS.

A diversidade de socios implicados reflicte a natureza multidisciplinar dos retos que aborda a escola. Desde a intelixencia artificial e a supercomputación ata as tecnoloxías cuánticas e as infraestruturas na nube, o programa ofrece ás persoas participantes unha oportunidade única para coñecer de primeira man as ferramentas e metodoloxías que están a impulsar a innovación na observación da Terra e na teledetección.

Da NASA e a ESA a IBM e Google: a escola conecta algunhas das voces máis relevantes da observación da Terra

Máis alá das sesións técnicas, a HDCRS Summer School está deseñada para fomentar a interacción entre participantes de diferentes perfís e procedencias. O programa combina conferencias, sesións de debate e actividades de networking destinadas a conectar novas xeracións de investigadores e profesionais con líderes internacionais do sector.

Ao acoller a escola por terceiro ano consecutivo, o CiTIUS reforza a súa posición dentro dunha rede global de institucións que impulsan a investigación e a innovación en tecnoloxías intelixentes. A iniciativa contribúe tamén a aumentar a visibilidade internacional de Santiago de Compostela como destino para a colaboración científica, a formación avanzada e o desenvolvemento tecnolóxico, dando continuidade a unha alianza que naceu en Islandia e que atopou en Galicia un espazo idóneo para seguir medrando.

Sobre o grupo de traballo HDCRS

High-Performance and Disruptive Computing in Remote Sensing (HDCRS) é un grupo de traballo do Earth Science Informatics Technical Committee da IEEE Geoscience and Remote Sensing Society (GRSS). A súa misión é promover a investigación e a innovación en tecnoloxías avanzadas de computación aplicadas á observación da Terra, fomentando a colaboración entre universidades, centros de investigación, institucións públicas e empresas de todo o mundo.