Oferta de contrato de investigación con posibilidade de realización dunha tese de doutoramento

O grupo Computer Graphics and Data Engineering (COGRADE) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela está interesado en incorporar unha persoa investigadora ao equipo de traballo dun contrato de investigación no que participan, ademais do CiTIUS, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a empresa multinacional FINSA. O traballo desenvolvido durante a vixencia do contrato podería ademais estar encamiñado á defensa dunha tese de doutoramento no ámbito da Industria 4.0 e da Intelixencia Artificial.

Descrición e obxectivos de investigación

O desenvolvemento da investigación centrarase fundamentalmente na implementación eficiente de técnicas de exploración interactiva e análise intelixente (ML) de grandes volumes de datos (Big Data), e na súa aplicación para resolver retos de investigación xurdidos do contrato empresarial: sistemas intelixentes para a Industria 4.0.

A persoa candidata, de non dispoñer xa do título de máster e querer desenvolver unha tese de doutoramento, comprometeríase a matricularse nun máster en informática (temáticas válidas: Intelixencia Artificial, Computación de Altas Prestacións, Big Data, Estatística ou similar), co obxectivo de obter o título nun máximo dun ano e poder defender a súa tese de doutoramento ao remate do terceiro.

Habilidades e coñecementos agardados
Desde o punto de vista de competencias sociais buscamos unha persoa proactiva, con alta capacidade para a análise e a resolución de problemas, con capacidade de traballo en equipo e con boas capacidades comunicativas tanto orais como escritas, así como cun nivel medio-alto de inglés (para poder asistir a cursos, expor resultados e realizar estadías internacionais).

Desde o punto de vista técnico, para este posto valorarase (aínda que non será un requisito) de forma moi positiva estar xa en posesión dun máster na área de informática, así como coñecementos técnicos de algoritmos e estruturas de datos, estatística e machine learning.

Valorarase moi positivamente ter un bo expediente académico que permita optar de forma competitiva a bolsas de investigación predoutoral, tanto autonómicas (Galicia) como estatais (FPU).

Características do posto
Ofrecemos un contrato cunha duración de 1 ano prorrogable e un salario de 1.575,02 € brutos mensuais (14 pagas), cunha data prevista de incorporación, tras o proceso público de selección en concorrencia competitiva, entre o 1 e o 15 de decembro de 2021. A persoa investigadora terá unha xornada laboral ordinaria de 35 horas semanais e unha xornada de verán (xuño, xullo e agosto) de 30 horas. O posto de traballo facilitará a conciliación familiar e a persoa investigadora disporá de 10 días de asuntos propios ademais das súas vacacións ordinarias.

Información adicional
O período de candidatura finalizará o 25 de novembro de 2021, e as solicitudes formalizaranse a través da páxina web da USC.

Máis información poñéndose en contacto con
• David Mera Pérez, responsable do contrato de investigación (david.mera@usc.es, +34 881816425)
• José Manuel Cotos, coordinador do grupo COGRADE (manel.cotos@usc.es, +34 881816461)